Os profesores de autoescola de Pontevedra están convocadas este mércores á folga

Un coche de autoescola. ADP
Os profesionais de toda a provincia están chamados a un parón entre as 10 e as 13 horas ► Haberá unha manifestación rodada en Vigo

O sindicato de autoescolas da Central Unitaria de Traballadoras (CUT) convocou unha folga para este mércores en toda a provincia de Pontevedra entre as 10 e 13 horas da mañá. Ademais, haberá unha manifestación rodada en Vigo para denunciar "a precariedade que está a vivir o sector".

En concreto, o sindicato manifestou a través dun comunicado que existe unha "ausencia absoluta" de control da xornada laboral, que comeza ás oito da mañá e termina máis tarde das dez da noite.

Así mesmo, indicaron que non contan con vacacións nin con recoñecemento de enfermidades por risco laboral, ademais de afirmar que existen autoescolas que "pagan por clase dada", é dicir, que "se non se presenta o alumno, non cobras"

Por outra banda, a organización sindical sinalou que mantiveron contacto coa Asociación Provincial de Autoescolas de Pontevedra e que esta non mostrou "o máis mínimo interese en arranxar a situación" ata o punto, engaden, de botar "a culpa" aos traballadores por aceptar "as condicións" que se lles ofrece.