O bosque do Castelo de Sobroso ofrecerá unha imaxe máis autóctona

A Deputación de Pontevedra destinou 45.000 euros para a plantación de 1.200 árbores da zona e dar así un paso máis no proxecto de musealización da fortaleza que iniciou en 2020
Carmela Silva durante la visita al bosque del Castillo de Sobroso. CEDIDA
photo_camera Carmela Silva durante a visita ao bosque do Castelo de Sobroso. CEDIDA

Unha axuda de máis de 45.000 euros da Deputación permitirá ao bosque de Sobroso recuperar o seu esplendor medieval. A actuación, que foi visitada pola presidenta, Carmela Silva, permitiu a eliminación de especies invasoras e a plantación de 1.200 novos exemplares de árbores autóctonas.

Á visita asistiron tamén a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, as deputadas Iria Lambas e Vitoria Alonso, a tenente de alcaldesa, Chus Garrote e concelleiros ponteareáns.

A reforestación, que comezou a finais de 2020, trátase dun paso previo ás obras de musealización do Castelo coas que a institución provincial impulsa a posta en valor do recinto como espazo cultural e natural.

Estes traballos enmárcanse dentro do plan de valorización do Bosque Atlántico que rodea o Castelo, e consisitiron na erradicación das especies invasoras existentes en 13 das súas 23 hectáreas (principalmente acacias e eucaliptos), e na plantación de carballos, castaños, acevos ou albedros, que terán un mantemento anual para garantir o seu óptimo desenvolvemento.

Neste sentido, nos últimos anos levaron a cabo múltiples actuacións forestais e de campo, así como a sinalización da senda ambiental con códigos QR.

AVANCES. Con esta actuación, a Deputación de Pontevedra dará un novo paso de cara á esperada musealización de Sobroso, adxudicada por 262.000 euros. A previsión do ente provincial é que dote ao castelo dun equipamento museográfico actual apoiándose nas tecnoloxías audiovisuais do século XXI cun modelo turístico baseado nas experiencias. Así, os visitantes gozarán dunha ruta dunha hora de duración en galego, castelán ou inglés na que coñecerán a historia do castelo a través de sete pezas audiovisuais.

A visita finalizará co acceso á terraza, que estará equipada con atrís con imaxes panorámicas para permitir identificar todos os filtros e elementos da paisaxe.

O Castelo de Sobroso é un gran atractivo turístico da provincia, que foi visitado en 2020 por preto de 11.000 persoas a pesar dos peches e as restricións derivadas da situación sanitaria.

De feito, 3.500 de etas visitas tiveron lugar entre xuño e agosto, sumándo máis que as realizadas durante o verán de 2019.

A institución provincial leva destinando, en total nos últimos tres anos, máis de 300.000 euros á súa repoboación e musealización co fin de facer deste lugar o enclave perfecto e recuperar a súa esencia.

Máis cultural | Música, teatro e outras artes
Se tras o confinamento incrementaron as visitas a este lugar, a Deputación integrou tamén nesta época a Sobroso no programa Reacción nos castelos, que levou á fortaleza música, danza, teatro e talleres para nenos e nenas, facendo deste espazo un lugar cultural.

Comentarios