domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

10-N

Os candidatos do PSOE "gastarán moito os zapatos" durante a campaña

Regades presidiu o comité provincial que o Partido Socialista celebrou este venres na Leira Batacos, na parroquia de Salcedo. DAVID FREIRE
Regades presidiu o comité provincial que o Partido Socialista celebrou este venres na Leira Batacos, na parroquia de Salcedo. DAVID FREIRE

Regades reivindica a "total" dedicación dos socialistas o 10N, "mentres Ana Pastor foxe para ser reemprazada por unha alcaldesa que pretende gobernar o seu municipio co teléfono en modo avión"

"Imos gastar moito os zapatos". O secretario provincial do PSOE, David Regades, ratificou este venres que os socialistas farán máis rúa que nunca para tratar de repetir vitoria nas eleccións xerais do próximo 10 de novembro. Fíxoo durante a presentación do informe de xestión ante o comité provincial, integrado por 310 persoas, nun acto celebrado na Leira Batacos, na parroquia de Salcedo.

Regades confirmou que os socialistas celebrarán tres mitins na carreira cara ao 10N: un en Vigo, outro en Pontevedra e un terceiro en Vilagarcía. O obxectivo é lograr o cuarto deputado pola provincia. O líder dos socialistas pontevedreses instou as bases a mobilizar o voto e impedir a abstención. "Agora vai tocar con máis forza que nunca, porque estas eleccións son o produto da inmadurez das forzas que, tendo a opción responsable de absterse na sesión de investidura, non dubidaron en prexudicar ó país e decidiron camiñar concienzudamente cara o abismo político", dixo.

Regades acusou ao anterior número un da lista do PP, Ana Pastor, de fuxir "encantada" a Madrid para situarse á beira de Pablo Casado, "que identifica frivolamente a moderación con deixarse barba". Tamén reivindicou a dedicación "total" dos aspirantes a deputados socialistas fronte aos 'populares', "mentres Ana Pastor fuxe para ser reemprezada por unha alcaldesa que pretende gobernar o seu municipio co teléfono en modo avión".

O secretario provincial dos socialistas lamentou que a rexedora de Marín, María Ramallo, vaia desempeñar o cargo de parlamentaria "a tempo parcial". "Os alcaldes e alcaldesas deben selo de luns a domingo e non só nas fins de semana", afirmou. No seu discurso, o mandatario socialista cargou contra Alberto Núñez Feijóo e as súas políticas á fronte da Xunta. Censurou que a provincia comece o curso escolar con 36 aulas públicas menos e 57 profesores menos mentres as aulas concertadas incrementáronse en 14. E tamén aludiu ao goteo de catástrofes "na sanidade pública galega", para o que fixo mención ao recente falecemento dun veciño de Dozón.

O secretario provincial di que o PP está "rabioso" porque Sánchez está a abordar a crise catalá "con intelixencia e mesura"

CATALUÑA

Segundo Regades, o PP "está rabioso" porque a crise en Cataluña está a ser abordada polo Goberno en funcións de Pedro Sánchez "con intelixencia e mesura, en contraste coa pésima xestión que fixeron Rajoy e o ex-ministro Fernández Díez".

"Estes son os patriotas que falan todo o día da Constitución. Políticos de 'pulserita', que fan campaña cos asuntos de Estado e que quedan en evidencia ó pedir a dimisión dun ministro por cear unha hamburguesa", afirmou.

Os candidatos do PSOE "gastarán moito os zapatos" durante a campaña
Comentarios