A provincia de Pontevedra ten activos 1.044 casos de violencia de xénero

O Goberno destinará para o que resta de ano 212.000 euros aos municipios para que realicen tarefas preventivas na loita contra a violencia machista

Maica Larriba García, subdelegada do Goberno de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Maica Larriba García, subdelegada do Goberno de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Un total de 1.044 casos de violencia de xénero están activos na provincia de Pontevedra, segundo desvelou este luns a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que engadiu que a metade deles (527) teñen un nivel de risco "non apreciado".

En rolda de prensa, Larriba explicou que só nun destes casos o risco para a vítima é "moi importante", mentres que outros nove están catalogados como de alto "risco" e os 507 restantes están certificados como de risco medio ou baixo.

A Garda Civil encárgase do seguimento de 482 destes episodios, 166 dependen das respectivas policías locais dos concellos nos que residen as vítimas, 81 son atendidos pola Policía Nacional e outros 81 pola Policía Autonómica.

Acompañada pola coordinadora das unidades de violencia de xénero da Delegación do Goberno en Galicia, María Deben, a subdelegada pontevedresa defendeu o cambio lexislativo que devolve aos concellos as competencias en violencia de xénero, por ser "as máis próximas" ás vítimas.

Para iso, o Goberno destinará 212.000 euros aos municipios de Pontevedra no que resta de 2018 para que poidan realizar tarefas preventivas na loita contra a violencia machista, cantidade que crecerá ata os 425.000 euros en 2019.

O novo decreto, explicou Maica Larriba, "non é un brinde ao sol" xa que o Goberno, ademais de regular estas novas competencias, "dota aos concellos de recursos económicos" para poder desempeñalas.

A repartición farase en base a unha cantidade fixa de 689 euros por concello e outros 0,18 euros adicionais por cada habitante, tomando como referencia o padrón municipal a 1 de xaneiro de 2017.

Os posibles remanentes serán distribuídos proporcionalmente entre os municipios adheridos ao sistema integral de violencia de xénero (Viogen), do que participan as diferentes institucións públicas que teñen competencias nesta materia para compartir recursos e información para unha mellor atención ás vítimas.

Once concellos da provincia, Bueu, Caldas, O Grove, Marín, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salceda, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía, participan actualmente deste sistema.

Comentarios