Carmela Silva fai un chamamento ás mulleres para participar na folga do 8 de marzo

A Deputación colgará unha pancarta na fachada principal un cartel para "animar" na participación

Carmela Silva durante la rueda de prensa. TWITTER.
photo_camera Carmela Silva durante a rolda de prensa. TWITTER.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo este venres un chamamento a todas as mulleres para que participen na folga feminista convocada para o próximo 8 de marzo. Así, o vindeiro venres 1 de marzo a Deputación pontevedresa ten previsto colgar unha pancarta na fachada principal das sedes da institución en Pontevedra e Vigo para "animar ás mulleres da provincia" a que secunden este paro feminino de 24 horas e demostrar así que "se as mulleres paramos, para o mundo".

Tamén invitou aos "homes igualitarios" a que acudan ás concentracións e manifestacións programadas para esa xornada, pero non á folga, á que só están chamadas as mulleres.

O 8 de marzo a presidenta da Deputación de Pontevedra, do mesmo xeito que o resto de políticas do goberno provincial bipartito (formado por PSdeG e BNG) "e todas as mulleres que conforman" o seu gabinete, acordaron facer folga e estenden este chamamento ao resto de traballadoras desta administración para que se somen e reivindiquen "xuntas". Ademais, ese día lerán un manifesto nas escaleiras principais do Pazo Provincial.

A próxima semana será presentado o programa completo de marzo e abril, "que non deixará a ninguén indiferente", comentou Carmela Silva.

"O CONTO DA CRIADA". Nesta mesma rolda de prensa Carmela Silva tamén se referiu á polémica xerada polo anuncio da Xunta para atraer mulleres inmigrantes "en idade fértil".

A presidenta foi moi crítica con esta medida contemplada na nova Lei de Impulso Demográfico que "converte ás mulleres inmigrantes en vasixas" e en persoas "con data de caducidade", lamentou. "Indígname que a Xunta vaia dar incentivos ás mulleres inmigrantes en idade fértil, converténdoas en personaxes da serie O conto da criada", dixo a mandataria provincial para quen esta noticia "é un escándalo e un motivo suficiente para que a persoa que o expuxo dimita". "É unha vergoña, espero que saian dar explicacións", dixo.

"PROFUNDA BRECHA SALARIAL". Carmela Silva recordou que este venres se celebra o Día pola igualdade salarial e citou os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (Ine) nos que se reflicte que as mulleres galegas, tras as canarias e as cántabras, son as que menor retribución por hora perciben de todo o Estado, sendo esta un 15,2 por cento inferior á masculina.

Os datos do Ine tamén indican que as galegas recibiron un salario anual inferior nun 23% ao dos homes. En canto á análise do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), os datos revelan que o 37,1 por cento das asalariadas galegas teñen ingresos menores ou iguais a este, fronte ao 29,2 por cento dos homes. "As mulleres terían que traballar 10 anos máis que os homes para alcanzar as mesmas retribucións", citou Carmela Silva entre outros indicadores relativos "á profunda brecha salarial das mulleres galegas".

Comentarios