Silva non aclara se repetirá como presidenta da Deputación: "Iso decidirao o meu partido"

Critica os "insultos" do PP e insiste na autonomía local para xustificar a súa non comparecencia no Parlamento galego 

Carmela Silva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Carmela Silva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, non aclarou, nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional (RNE), se repetirá á fronte do goberno provincial: "Iso non o decido eu, e sobre o que non decido eu prefiro non fixar posición. Estou encantada de ser a presidenta da Deputación, orgullosísima do meu goberno, pero iso decidirao o meu partido". 

Neste contexto, dixo estar "a disposición" do PSdeG-PSOE para que decida sobre a súa reelección, á vez que asegurou que "non lle gusta moito falar dela". "Gústame falar de proxectos, de política, da xente e das transformacións que precisamos no século XXI", enumerou. 

Silva, quen dirixe a Deputación de Pontevedra desde hai case catro anos, afirmou que se cumpriron "ao cento por cento" as cláusulas do pacto de goberno co BNG, que deu froito, segundo as súas palabras, a un "goberno único, forte e cunha enorme capacidade de diálogo". 

Así, a tamén tenente de alcalde de Vigo insistiu en que "non pode estar máis satisfeita deste cambio radical" que, ao seu modo de ver, deulle á Deputación no últimos catro anos. 

Por iso, aínda que valorou a situación política "moi complexa" actual, que "dificulta ter unha visión clarísima do que pode acontecer" en maio, Silva ten "clarísimo" que o PSdeG-PSOE obterá "uns extraordinarios resultados nas municipais" que lle permitirá ser "a primeira forza" na provincia. 

"Non o digo eu soa, dino as enquisas. Noutros moitos lugares onde está a gobernar o PP vai haber un cambio de goberno e vai gobernar o PSOE, polo que eu creo que imos manter o goberno na provincia", resumiu.

"A EXTREMA DEREITA". E é que, para Silva, partidos como Ciudadanos "compite co PP" e "tamén agora con VOX" por ver quen ocupa "a dereita" e quen "a dereita de todas as dereitas, a extrema dereita". Así, a dirixente provincial cre que este panorama "vai influír negativamente" nos apoios dos populares. 

Ademais, en referencia ás mareas municipais, a dirixente pontevedresa vaticínalles uns "peores resultados porque teñen demostrado que xestionan mal". 

No extremo contrario, Silva situou ao BNG, "que nos concellos que gobernan teñen demostrado que esa traxectoria os leva a xestionar dunha forma positiva", e ao PSdeG-PSOE, que cre que "vai ter moi bos resultados onde están a gobernar".

AUTONOMÍA LOCAL. Preguntada sobre a súa non comparecencia no Parlamento galego para explicar os orzamentos provinciais para 2019, Silva insistiu en que tanto a Constitución como o Estatuto de Autonomía de Galicia "din con absoluta claridade que as administracións locais teñen autonomía para desenvolver accións e que teñen que dar conta diso ante os plenos". "Que significa isto? Que non estamos supeditadas a ningunha outra administración ou Parlamento. (...) É unha cuestión de principios", sentenciou. 

"Eu vou dar conta dos orzamentos ante min pleno e ante a sociedade de Pontevedra. Eu non lle pido ao presidente da Xunta que veña aquí a contarnos canto lle dedica dos seus orzamentos á Deputación, porque el o ten que facer no seu Parlamento. E eu respéctoo, polo tanto pídolle o mesmo respecto que eu lle teño á Comunidade Autónoma", resolveu a dirixente provincial. 

Así mesmo, Silva lamentou a linguaxe "bélica" e os "insultos" que, segundo ela, lle profiren os deputados do PP tanto na Deputación como na Cámara autonómica e tamén na Xunta. "Non vou entrar niso. O que fago é explicar con claridade cal é a miña posición en defensa das corporacións locais. Non descualifiquei a ninguén, non insultei a ninguén", aseverou. 

Por iso, e porque di que ela "si cre na política" e non na "confrontación total", lembrou que "non levaba nin unha semana" na Deputación "e xa lle empezaron a facer oposición" tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o vicepresidente, Alfonso Rueda. "E eles non son quen para facerma, a oposición téñenma que facer os deputados do PP na Deputación. (...) Por tanto eu déixolle ao PP ese modelo de confrontación total que non só acontece en Galicia, senón a nivel do Estado", proseguiu. 

Con todo, a presidenta da Deputación de Pontevedra criticou que "aínda non escoitase ningunha desculpa nin por parte do presidente nin do vicepresidente" do Goberno autonómico por unhas descualificacións que considera "machistas", pois ambos os dirixentes, ao seu modo de ver, "sempre as tentaron justificar".

REPARTICIÓN DE FONDOS. Preguntada sobre os orzamentos provinciais, negou as críticas da oposición sobre que a repartición de fondos discrimina aos concellos: "Desde logo, os que reciben moitos máis recursos desta deputación, comparativamente con outros grupos políticos, é o PP, sen ningunha dúbida. Non son datos de deputados, son datos analizando os informes do Ministerio de Facenda cando era ministro Cristóval Montoro". 

Por tanto, Silva dixo que é "falso" que haxa unha repartición desigual que favoreza aos municipios con gobernos socialistas ou nacionalistas: "E iso o PP sábeo, pero a min o que me importa é que o saiba a xente da rúa, e sábeo". Ademais, afirmou que, conforme a datos "oficiais", a de Pontevedra é a Deputación "de España que fai máis transferencias directas aos concellos". 

"Somos un exemplo de transparencia, de bo uso dos recursos públicos e de boas prácticas. Por tanto, o PP mente descaradamente desde o minuto cero", esgrimiu. 

E é que, ao seu modo de ver, os populares teñen "unha mochila de cousas detestables" como o "clientelismo, caciquismo, irregularidades e repartición de recursos arbitrario", ao contrario que a súa actual administración, que parte de "criterios obxectivos, con equidade e con bases que transformaron a Deputación de arriba a abaixo".

UN PP "DECIMONÓNICO". Finalmente, sobre o nomeamento oficial este domingo do actual secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, como candidato socialista á Xunta, Silva confesou estar "segura de que o PSOE vai ser a alternativa a un PP decimonónico, antigo, sen ideas e sen proxectos" que "cada vez está máis afastado do que necesita" a Comunidade galega. 

"Estou convencida de que o PP está en horas moi baixas en Galicia e que Feijóo está farto de ser presidente. Non lle gusta xa, de feito quíxose ir pero non se foi porque non tiña opción de irse a Madrid", remachou. 

Comentarios