Oito casos de covid nun colexio de Caldas, cunha aula pechada

As infeccións activas na comunidade educativa da área de Pontevedra e O Salnés elévanse a 13. En Galicia tamén crecen, ata os 69
Interior de un aula. DANIEL LUQUE (EFE)
photo_camera Interior dunha aula. DANIEL LUQUE (EFE)

Os casos activos de covid-19 que afectan a centros educativos de Galicia aumentaron a 69, que son 12 máis que hai unha semana. Creceron tamén as aulas pechadas: sete, unha máis. 

Os datos actualizados este mércores pola Consellería de Educación —que facilita as cifras unha vez á semana— revelan que a repunta tamén se nota na comunidade educativa da área de Pontevedra e O Salnés. Nela hai 13 infeccións activas, catro máis que hai unha semana, e unha clase inoperativa.

Neste punto, a Xunta destaca o caso do CPI Plurilingüe Alfonso VII de Caldas de Reis, con oito casos e unha aula pechada. De feito, nese municipio disparouse a incidencia a última semana.

Casos coles

A área sanitaria con máis positivos entre traballadores dos centros educativos e alumnos é a da Coruña, con 20 —un máis que hai unha semana— e unha aula pechada. Hai sete días non tiña ningunha. 

Na área de Vigo, mentres, ascenden a 11 os casos activos, un máis, e queda sen clases pechadas —a semana pasada tiña unha—. A de Santiago e O Barbanza reduce a nove as infeccións activas —dúas menos— e segue cunha aula inoperativa. 

Séguea a área de Lugo, con oito casos na comunidade educativa. Son seis máis que hai sete días. Neste punto, hai dúas aulas pechadas, unha máis.

Á cola están Ferrol —con cinco positivos e dúas aulas pechadas— e Ourense, que concentra tres casos e non ten aulas pechadas.

En canto ás escolas infantís de toda Galicia, por terceira semana non hai infeccións activas en ningunha. 

Comentarios