O Ceip de Laredo en Redondela, distinguido polo seu compromiso coa educación

Celaá entregou as Placas de Honra da Orde Civil Alfonso X o Sabio a seis centros educativos españois, entre eles o colexio redondelano e un instituto lucense

Entrega de las Placas de Honor de la Orden Civil Alfonso X el Sabio. MINISTERIO DE EDUCACIÓN
photo_camera Entrega das Placas de Honra da Orde Civil Alfonso X o Sabio. MINISTERIO DE EDUCACIÓN

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, entregou este luns na sede do Ministerio as Placas de Honra da Orde Civil Alfonso X o Sabio a seis centros educativos, dous deles galegos. Trátase do Instituto de Educación Secundaria Lucus Augusti de Lugo e o Centro de Educación Infantil e Primaria de Laredo en Redondela (Pontevedra). "As excelentes boas prácticas que desenvolvedes debémolas extrapolar ao resto de centros educativos do territorio nacional", indicou Celaá.

Esterecoñecemento distingue ás persoas físicas e xurídicas e a entidades que destaquen polos méritos obtidos nos campos da educación, a ciencia, a cultura, a docencia e a investigación ou que presten servizos importantes neles, tanto en España como no ámbito internacional.  "O voso compromiso diario pola educación pon aos nenos e ás nenas no centro do sistema educativo", destacou a ministra e tamén portavoz do Goberno.

O Ministerio de Educación e FP recoñeceu ao IES Lucus Augusti, na conmemoración do seu 175 aniversario, por ser un referente na vida académica e cultural da cidade. En canto ao CEIP de Laredo, premio nacional Acción Maxistral 2017, premiouse a súa contribución ao fomento da iniciativa e o espírito emprendedor do alumnado a través da creación dunha pequena empresa con obxectivos solidarios e de sustentabilidade ambiental. 

Ademais dos dous galegos, tamén foron galardoados o Colexio Menesiano de Santo Domingo da Calzada na Rioxa, o Colexio Nais Ursulinas de Sigüenza en Guadalaxara, o Centro Público de Educación Básica Aurelio Menéndez de San Antolín de Ibias e o Instituto de Educación Secundaria Elisa e Luís Villamil de Vegadeo, ambos en Asturias. Todos eles destacaron entre os que desenvolven diariamente un labor esencial para a mellora da educación en España.  

"As familias, as autoridades, os profesionais da educación e a sociedade en xeral temos que colocar o ben dos menores como valor supremo da educación", concluíu a ministra de Educación e FP. 

Comentarios