Os colexios pontevedreses suman doce positivos, pero baixan a oito as aulas pechadas

Os novos contaxios rexistráronse en colexios de Marín, O Grove, Poio, Silleda, Cangas e Pontevedra
Mochilas en un aula. EUROPA PRESS
photo_camera Mochilas nunha aula. EUROPA PRESS

Os casos activos de coronavirus en centros educativos do área de Pontevedra apenas variaron nas últimas horas ao situarse en 148 no último balance facilitado pola Xunta. Isto é, apenas un máis que un día antes, a pesar de que se rexistraron oito positivos en colexios de Marín, O Grove, Poio e Pontevedra. E é que os novos diagnósticos víronse compensados polas altas (sete). Grazas a algúns destes alumnos que superaron a enfermidade, saen da lista do Sergas de centros con casos de covid o Ceip da Torre-Illa, da Illa de Arousa, e o Ceip de Coirón-Dena de Meaño.

No outro lado da balanza, entra na listaxe o IES A Xunqueira 1 da Boa Vila, cun caso. Ademais, os outros novos infectados rexistráronse no Plurilingüe a Inmaculada de Marín (dous contaxiados máis, que elevan a cinco os estudantes afectados polo virus); no IES Monte da Vila do Grove (un caso máis, catro activos en total); na CEP Campolongo de Pontevedra (dous positivos máis, que suman seis); no CIPF Carlos Oroza de Pontevedra (un caso máis, dous no centro); e no IES de Poio (outro positivo, catro en total).

Precisamente, a CEP Campolongo sitúase á cabeza con maior número de casos entre o alumnado, cos seus seis contaxiados, a mesma cifra que rexistra o Ceip Plurilingüe Nantes de Sanxenxo. Neste último, ademais hai dous aulas clausuradas. Son dous das oito que se atopan pechadas como consecuencia do coronavirus (dous menos que no anterior balance) na área sanitaria. As outras se reparten entre o CIFP Carlos Oroza (1) e as escolas infantís de Pio (1), A Parda (2), Bamby (1) e Vilaboa (1). A elas súmase a E.I Chiquis de Pontevedra, que está totalmente pechada.

Fóra da área sanitaria, rexistráronse catro novos positivos repartidos entre o Ceip Plurilingüe de Silleda (un caso máis, que suman tres en total) e dous colexios de Cangas, o Ceip do Castrillón-Coiro (1) e o Plurilingüe da Espiñeira-Aldán (2), que non aparecían o martes na lista do Sergas.

GALICIA. No conxunto da comunidade, a cifra de contaxios activos en escolas infantís e centros de educación non universitaria de Galicia baixou este mércores da barreira dos 1.000 ata situarse nos 998, trece menos que o martes.  Tamén descendeu o número de aulas pechadas, 50, unha menos que no anterior reconto do Servizo Galego de Saúde, que na súa última actualización xa non inclúe a unha das catro escolas infantís que permanecían pechadas, a Xirandola, de Santiago de Compostela. Si figuran e seguen pechadas as escolas infantís de Barcala, en Cambre, Cáritas Tui-Vigo, na cidade olívica, e Chiquis, en Pontevedra. 

Por áreas sanitarias, é a de Vigo a que segue con máis contaxios activos en escolas infantís e centros de educación non universitaria, con 268, tres menos, e sete aulas pechadas, dúas máis.  Con todo hai máis aulas pechadas na área A Coruña, con 14, unha menos, e 218 contaxios activos; así como Pontevedra, cun total de oito, dous menos, e 148 casos activos; e Lugo, con nove aulas pechadas, dúas máis, e 129 contaxios. 

Santiago ten seis aulas pechadas, dúas máis, e 111 contaxios; Ferrol, catro aulas pechadas, cinco menos, e 82 contaxios; e Ourense, as mesmas dúas aulas pechadas e 42 contaxios.

Centros educativos Pontevedra 2 de decembro

Comentarios