Un ciclista resulta ferido tras ser atropelado na Estrada

En Mos rexistrouse unha colisión múltiple pola que tres persoas que tiveron que ser evacuadas  En Fornelos de Montes unha muller tivo que ser liberada tras envorcar co seu coche 
Una ambulancia del 061. ARCHIVO
photo_camera Una ambulancia del 061. ARCHIVO

Ao redor das 15.45 horas deste luns o 112 Galicia tivo constancia dun suceso no concello da Estrada. Un ciclista resultou ferido tras ser atropelado por un turismo, na N-525, en Arnois, na entrada de Ponte Ulla, dirección Ourense.

Ademais do persoal sanitario, acudiron os axentes de Tráfico e a Policía Local. Tamén foron informados o suceso, a través do 112 Galicia, os Bombeiros do Deza, os membros do GES e de Protección Civil da Estrada.

MOS. Por outra banda, tamén este mediodía, ao fío das 14.00 horas, un particular informaba ao 112 Galicia dun accidente con catro vehículos implicados, na A-55, á altura da saída 14, en Sanguiñeda, dirección Porriño. Indicaba da posibilidade de persoas feridas.

Enseguida, desde o 112 Galicia informouse o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Porriño e aos membros do GES e do Servizo de Urxencias de Mos. Do mesmo xeito, tamén foron avisados os axentes da Policía Local.

Unha vez no lugar, os membros do GES confirmaron o traslado de tres persoas polos servizos sanitarios, aínda que, aparentemente, o seu estado non parecía revestir gravidade.

FORNELOS DE MONTES. Os Bombeiros do Porriño tiveron que retirar as portas, o portón e os asentos traseiros dun turismo para liberar á condutora, que foi trasladada polos servizos sanitarios de urxencia.

Dez minutos antes das 14.30 horas deste mediodía, unha persoa particular informaba ao 112 Galicia dun coche envorcado na PO-250, ao redor do punto quilométrico 18, no concello pontevedrés de Fornelos de Montes. No seu relato, aseguraba que no seu interior había unha muller que precisaba asistencia sanitaria, ademais, indicaba que as portas do vehículo podíanse abrir pero que non querían mover á condutora por precaución.

Así, desde o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Porriño, da Garda Civil de Tráfico e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Oitaven-Tea.

Unha vez no punto, o persoal sanitario confirmou, que debido á posición na que se atopaba o vehículo, era precisa a intervención dos profesionais de excarceración para evacuar á ferida, por iso, nada máis chegar, os Bombeiros procederon á excarceración da persoa, que foi trasladada en ambulancia polos servizos sanitarios.

Con todo, foi necesaria a intervención do persoal de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía. De feito, segundo indicaron os membros de Protección Civil ao 112 Galicia, un carril da vía afectada, tivo que ser interrompido ao tráfico mentres duraron os traballos de evacuación da persoa e da limpeza dos restos que quedaron espallados pola calzada ocasionados polo accidente.