A área suma cinco colexios á lista de afectados polo covid, da que saen outros cinco

As escolas infantís e centros educativos de Pontevedra-O Salnés contabilizan 46 casos activos, tres máis que ao finalizar a semana pasada. Nas instalacións de toda Galicia hai 486 casos activos, 65 máis que o sábado

Una trabajadora limpia un aula. ARCHIVO
photo_camera Unha traballadora limpa unha aula. ARQUIVO

Crece o número de casos de coronavirus que afectan a escolas infantís e centros de educación non universitaria en Galicia. Os datos divulgados este mércores pola Xunta sitúan o total en 486, que son 65 máis dos computados no último informe, publicado o sábado. A área de Pontevedra-O Salnés non escapa á tendencia, aínda que cun repunte lixeiro: a ela corresponden 46 positivos, tres máis que ao peche da semana pasada.

Coles Pontevedra

Os casos repártense entre 27 centros, que conforman unha lista con varias novidades. E é que saen dela cinco centros e incorpóranse outros tantos. Os novos son o IES Francisco Asorey de Cambados, o IES de Cotobade, o IES Sánchez Cantón, o CIP Carlos Oroza e o IES A Xunqueira II —estes en Pontevedra— e o CEIP de Viñagrande-Deiro (Vilanova de Arousa).

Fronte ás incorporacións, saen da lista de centros afectados a escola infantil Sek Atlántico de Poio, o CEP de Sequelo-Marín, o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Placeres, o CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro e o CPR Plurilingüe San Francisco, os dous de Vilagarcía.

Os datos da Xunta confirman tamén que a área segue tendo unha aula pechada, no CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña. Este é precisamente o centro da zona que concentra máis casos, con seis.

Fóra da área de Pontevedra-O Salnés, o virus tamén afecta á escola infantil Pontiñas de Lalín, á de Cangas Choupana e ao CEIP Plurilingüe Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas.

Estes últimos centros corresponden á área de Vigo, na que hai 65 casos activos que afectan a centros educativos e tres aulas pechadas. 

Continúa pechada unha gardería en Celanova e hai 23 aulas clausuradas en toda a comunidade

No conxunto de Galicia, os colexios, institutos e escolas infantís achéganse ao medio milleiro de positivos, e hai 23 aulas pechadas. As áreas máis afectadas son as de Ourense, A Coruña e Santiago. 

A situación máis complexa séguese dando en Ourense, con 181 positivos —23 máis que o sábado—, que obrigaron a pechar as instalacións da escola infantil María Ana de Celanova. É o segundo caso de clausura no que vai de curso debido ao covid-19, tras o do Calasancio de Pontevedra. 

Dentro desta área sanitaria destacan o incremento de casos no Carballiño e o propio municipio das Burgas, como os focos de maior incidencia en centros da provincia. No primeiro caso, dous centros suman xa oito positivos cada un, mentres que na capital da provincia a situación máis preocupante rexístrase no CPR Santa Teresa de Jesús con 10 contaxios; María Auxiliadora, con 8, e o Santo Ángel e o Luís Vives, afectados por oito e sete positivos, respectivamente. 

No área de Compostela, mentres, hai 17 positivos máis que o sábado, con novos casos confirmados en centros de Ames, Boimorto, Muros, Ribeira, Santiago e Teo. 

Só hai unha área da comunidade na que se reducen os positivos, a de Lugo, con 18.

Comentarios