Crean unha comisión para a xestión directa dos parques comarcais de bombeiros

Está integrada de xeito paritario pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra

Generated by  IJG JPEG Library
LEAD Technologies Inc. V1.01

O consorcio provincial contra incendios de Pontevedra creou este luns unha comisión para abordar o cambio no sistema de xestión dos catro parques comarcais de bombeiros, os situados en Bueu, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e O Porriño.

Esta comisión, integrada de xeito paritario pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, deberá supervisar o rescate da concesión e propor a fórmula máis adecuada para que sexan xestionados de xeito directo polo consorcio.

O primeiro paso será a redacción da memoria que analizará os custos, os aspectos xurídicos e a nova estrutura que suporá o cambio de modelo na súa xestión.

Esta memoria incluirá a descrición do consorcio desde unha perspectiva funcional dos medios e efectivos que dispón, os aspectos xurídicos e técnicos para a subrogación dos traballadores e as necesidades da estrutura interna do persoal.

Ademais do proceso de extinción do contrato coa empresa Matinsa, que vence en 2021, a comisión deberá analizar os custos e demais aspectos financeiros que terá o cambio á xestión directa deste servizo provincial.

Coa creación desta comisión, ambas as administracións avanzan no cambio de modelo acordado para a xestión directa dos catro parques comarcais de bombeiros da provincia de Pontevedra.

Comentarios