Cuntis celebra a previa ao Entroido coa ruta gastronómica Tapalacón

As propostas innovadoras coas que participaron 14 locais da vila tiveron como base o tradicional lacón con grelos
A ruta Tapalacón contou con propostas de tapa do máis innovadoras. GONZALO GARCÍA
photo_camera A ruta Tapalacón contou con propostas de tapas do máis innovadoras. GONZALO GARCÍA

Co Entroido chamando ás portas, o lacón con grelos xa se vai facendo imprescindible no calendario gastronómico dos veciños e veciñas de Cuntis, que onte celebraron o derradeiro día da previa ao Entroido e á súa tradicional festa do Lacón con Grelos, que terá lugar o vindeiro 1 de marzo, coa chamada ruta Tapalacón, unha cita que nos últimos anos vén adquirindo grande importancia no programa festivo.

Un total de 14 establecementos participaron na celebración, que se extendeu dende o venres ata onte, e na que tanto veciños como visitantes puideron gozar da gastronomía da zona de xeito totalmente gratuito. Os locais Tenda da Ponte, A casa da Burga, A Bolera, Bar Moncho, Don Manuel, A Casa das Pejas, O Traspaso, O Pote, O Paseo, O Parladoiro, Karma ou A Fontiña. serviron unha grande cantidade de elaboracións a base lacón con grelos, acompañado de ingredientes coma o arroz, chourizo, castañas ou queixo afumado, e foron moitos os participantes que non se puideron resistir a realizar a tradicional ruta gastronómica.

Así, armados coa súa tarxeta de participación, gran parte das persoas que acudiron a degustar o prato típico, os camados "chapantes do lacón", foron de establecemento en establecemento selando a súa tarxeta, que lles deu acceso a participar nun concurso. Deste xeito, algunhas das tapas estrela da xornada, que os comensais puideron degustar acompañando á súa consumición, foron o caldo de lacón con pasta fresca e pesto de grelos e castañas, así como o risotto, ou as filloas, máis tradicionais. Durante a xornada tamén houbo diferentes propostas a base de tostas, e outras que incluíron os lácteos ou a base de cremas, coas que os comensais puideron deleitarse ao longo de toda a fin de semana, en horario de comidas.

En Cuntis, como non podía ser doutro xeito, tampouco faltou a música. Ao longo das diferentes xornadas que tiveron lugar na vila, os músicos do lugar tamén tiveron os seus momentos de protagonismo. Deste xeito, a Agrupación Municipal de Música e Baile e o Grupo Folclórico Hai Que Roelo animaron uns xantares xa de por si motivados, onde os asistentes, ademais de comer tamén se atreveron con algúns pasos de baile, no que foron tres días de música e gastronomía exitosos para o sector hosteleiro local, e de gran satisfacción para os veciños e asistentes que se achegaron a Cuntis.

Comentarios