A D.O Rías Baixas inicia a vendima no 75% das adegas

Este ano iniciouse de forma máis graduada debido ao bo clima

Vendimia en As Rías Baixas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Vendima nas Rías Baixas. GONZALO GARCÍA

A maior parte das adegas da D.O. Rías Baixas están xa inmersas na vendima, que este ano se iniciou de forma máis graduada debido ao bo clima. Segundo os datos da D.O., un 75% das adegas xa iniciaron os traballos e ata o momento xa se recolleron 8 millóns de quilos de uva.

A previsión é finalizar a mediados de outubro alcanzando unha produción total de 36 millóns de quilos, algo inferior que a do ano pasado, pero con uvas de excelente calidade.

Así o confirmaba este xoves pola mañá o Presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo no arranque da vendima na adega Paco&Lola en Meaño, nun acto no que estiveron presentes o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, e o presidente de Paco&Lola, Carlos Carrión.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este xoves que a innovación e a internacionalización das empresas galegas son básicos para conseguir novas cotas de mercado e seguir crecendo, especialmente no sector vitivinícola. 

A adega Paco&Lola da subzona do Salnés comezou este xoves pola mañá a vendima e ademais inaugurou a colleita cunha nova nave para a recepción e o almacenamento da uva na que investiron uns 300.000 euros.

O Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cortou a cinta inaugural acompañado do primeiro socio da cooperativa que chegou coas primeiras uvas. Na cooperativa participan 421 socios. 

Da súa produción case a metade dela vai destinada aos diferentes países como Suíza, Xapón, Rusia, Canadá, México, Panamá, Colombia, Brasil ou USA.

Desde o Goberno galego mantense a premisa de seguir reforzando o apoio ás empresas en aras da súa modernización para que poidan ser máis competitivas, máis internacionais, mantendo como eixos principais a capacidade de innovación e a competitividade.

Comentarios