Denunciados cinco locais de hostalería no sur de Pontevedra por "irregularidades"

Algúns establecementos carecían de libro de rexistro e outros non comunicaran a entrada de hóspedes

Agentes de la Guardia Civil. DP
photo_camera é Noticia Pontevedra. DP

A Garda Civil, no marco dos servizos que desenvolve para a prevención da seguridade cidadá, propuxo para sanción aos responsables de cinco establecementos de hostalería, situados no sur da provincia de Pontevedra, por supostas "irregularidades" na xestión documental dos viaxeiros que se aloxan nestes locais.

Segundo informou o Instituto Armado, a actuación realizouse a pasada fin de semana cando os efectivos do Posto da Garda Civil da Guarda detectaron que varios establecementos de hostalería da súa demarcación territorial "poderían non estar a cumprir a normativa que regula os libros de rexistro de viaxeiros, a cumplimentación dos partes de entrada e a comunicación dos datos ás dependencias policiais".

"A Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá, determina que esta comunicación, que pode realizarse de forma presencial ou telemática, ten que facerse inexcusablemente en menos de 24 horas, desde a entrada do hóspede ao aloxamento", recorda a Benemérita. Por iso, realizaron inspeccións en varios establecementos de hostalería nos municipios de Oia, O Rosal e A Guarda e detectáronse irregularidades en cinco deles.

INFRACCIÓNS. Nuns casos, concretan as mesmas fontes, foi "por non comunicar as altas ou facelo fóra de prazo", noutros por non rexistrar a todos os hóspedes e algúns deles, "incluso carecían do preceptivo libro de rexistro", abundaron as mesmas fontes.

As infraccións observadas foron comunicadas á Subdelegación do Goberno da provincia, que é o órgano encargado de instruír e resolver, no seu caso, os correspondentes expedientes sancionadores.