martes. 01.12.2020 |
El tiempo
martes. 01.12.2020
El tiempo

A Deputación de Pontevedra destina máis de 200.000 euros á tala antiincendios

Aprobación da medida. CEDIDA
Aprobación da medida. CEDIDA
Trátase dunha medida preventiva na marxe das estradas provinciais que facilita a loita contra o lume

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a contratación para a adxudicación do servizo de tala de arborado no dominio público das marxes das estradas provinciais, no que se investirán máis de 201.500 euros ao fío das tarefas de conservación destes viarios. Como destacou a presidenta Carmela Silva, son traballos de especial importancia "como medida preventiva que facilita a loita contra o lume", ademais de evitar o efecto prexudicial que a vexetación ocasiona nas estradas e atender deste xeito "unha das grandes demandas da xente, que as marxes dos viarios estean en boas condicións".

O novo contrato para este servizo especifica que as especies a talar, como matizou a presidenta, "son todas aquelas que aparecen na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia". Carmela Silva incidiu en que "pola contra, queda claro que imos conservar aquelas árbores singulares que cumpran outro tipo de funcións", e subliñou que "polo tanto estamos cumprindo coas medidas para evitar os incendios, que cada ano son un problema gravísimo".

O servizo contratarase para o 2021 (está en vigor o do 2020) por zonas de actuación, correspondentes ao norte, centro e sur da provincia. E ademais das estradas provinciais estarán incluídos os camiños de servizo, enlaces, cruces, variantes e calquera outro terreo que integren o dominio público adscrito a estas vías. Abordarase tamén a tala puntual de arborado non situado na zona de dominio público cando ameace a seguridade viaria e o titular da parcela onde se sitúe non atenda os requirimentos: "Habería entón un risco serio e poderiamos actuar, o contrato contempla todas as posibilidades", sinalou Silva.

A Deputación de Pontevedra destina máis de 200.000 euros á tala...
comentarios