Desaloxados dous edificios en Salvaterra do Miño por un escape de gas

Non se produciron feridos

Dous edificios tiveron que ser desaloxados este mércores en Salvaterra de Miño por mor dun escape de gas nun depósito situado na azotea dun dos inmobles.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, ningunha das persoas que residen nas vivendas dos edificios evacuados resultou ferida nin afectada. Iso si, durante a intervención, un bombeiro queimouse de xeito leve mentres controlaba a fuga, aínda que non tivo que recibir asistencia médica.

Os feitos sucederon na rúa Fontoura, no número 2, uns minutos antes das 14.45 horas. Foi a Policía Local quen alertou ao 112 Galicia e, nada máis recibir o aviso, o persoal do 112 Galicia requiriu a intervención dos Bombeiros do Baixo Miño, da Garda Civil e do persoal da empresa subministradora de gas.

Foron avisados o 061 por prevención e os GES e Bombeiros de Ponteareas. Unha vez controlada a fuga no tanque de combustible, os habitantes das vivendas puideron regresar con total normalidade ás súas casas.