Desaloxan un edificio en Nigrán por mor dun incendio nun taller de motos

Dúas persoas foron atendidas por persoal do 061 tras inhalar moito fume
Oficinas del 112. EMERXENCIAS GALICIA
photo_camera Oficinas do 112. EMERXENCIAS GALICIA

Un incendio nun taller de motos obrigou a desaloxar este luns por precaución un edificio situado na Avenida de Val Miñor, en Nigrán.

Segundo informou o 112 Galicia, grazas a esta medida ningún veciño se viu afectado polo lume, aínda que si dúas persoas que estaban no interior do taller, as cales inhalaron moito fume e tiveron que ser atendidas por persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. 

O incendio produciuse sobre as seis da tarde, momento en que un particular advertiu do suceso ao 112 Galicia, o cal pediu a colaboración dos Bombeiros de Baixo Miño, que, xunto cos membros do GES de Val Miñor, sufocaron rapidamente o incendio. 

A última hora da tarde do luns continuábase traballando no punto para ventilar debido á intensa fumareda acumulada no interior do taller. 

Ademais dos sanitarios e dos bombeiros, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Urxencias de Galicia informaron aos axentes da Policía Local de Nigrán que foron quen, por precaución, procederon ao desaloxo do edificio para garantir a seguridade no tempo que duraron os traballos de extinción

Comentarios