Detectan no Rosal a primeira mancha de mildiu da primavera

As precipitacións e a humidade que azoutaron Galicia durante os últimos días, configuran un momento moi sensible para a fenoloxía da vide

Viñedos. RAFA FARIÑA
photo_camera Viñedos. RAFA FARIÑA

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) descubriu nunha parcela de Goián, pertencente ao municipio pontevedrés do Rosal, a primeira mancha de mildiu da primavera. 

A EFA, un centro dependente da Deputación de Pontevedra, emitiu este martes un aviso fitosanitario extraordinario a través dun comunicado. Aínda que a mancha "ten unha esporulación moi incipiente", advertiu da necesidade de aplicar "tratamentos contra esta enfermidade en canto a climatoloxía o permita". E é que o persoal técnico da EFA asegurou que, en canto mellore o tempo, progresará a enfermidade. 

Para rematar, o centro explicou que as "precipitacións e a humidade elevada" que azoutaron Galicia durante os últimos días, configuran un momento moi sensible para a fenoloxía da vide. Así, a EFA recomendou "protexer as vides de xeito preventivo" antes de que comece a chover de novo. 
 

Comentarios