Detidas en Porriño catro persoas involucradas en compravenda de marihuana

As dilixencias instruídas, xunto coa marihuana e o diñeiro, foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda

Catro persoas foron detidas no Porriño tras ser sorprendidas no momento en que procedían a realizar unha compravenda de máis de dous quilos de marihuana.

Trátase de dous mozos portugueses, de 20 e 23 anos, respectivamente, que actuaron como compradores na transacción, e dun home de Porriño, de 30 anos, e unha muller domiciliada en Madrid, de 33, que eran quen vendían a droga.

Segundo a informado este luns a Garda Civil, as detencións producíronse a semana pasada como culminación dunha investigación que comezou a mediados de setembro por mor dunha alerta cidadá informando dun posible punto de venda de marihuana nunha parroquia do mesmo municipio.

Cando os axentes interceptaron en Porriño ao vehículo con matrícula portuguesa cuxos ocupantes acababan de realizar a compra descubriron no seu interior tres bolsas con dous quilos de cogollos de marihuana envasados ao baleiro, os cales foron intervidos, así como os seus donos detidos.

Tamén foron detidos os vendedores, e no coche dun deles, a muller domiciliada en Madrid, acharon os axentes unha maleta baleira que desprendía un intenso cheiro a marihuana e 6.820 euros en efectivo que interviñeron.

As dilixencias instruídas, xunto coa marihuana e o diñeiro, foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda do Porriño, mentres que os detidos quedaron en liberdade en sede xudicial coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan requiridos.