Detido tras fuxir a toda velocidade da Policía e danar un coche estacionado en Gondomar

Trátase dun mozo de 22 anos

Policías de Gondomar. DP
photo_camera Policías de Gondomar. DP

A Policía Local do concello pontevedrés de Gondomar identificou a un mozo de 22 anos como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria tras desobedecer as indicacións e ordes dos axentes e fuxir polo centro urbano do municipio causando danos a un vehículo estacionado. 

Tal como relatou nun comunicado a Policía Local, o suceso ocorreu o pasado domingo, día 30 de xuño, cando un vehículo de alta gama ocupado por dous homes desobedeceu a unha patrulla. Tras fuxir e causar danos a outro coche, continuou circulando "a gran velocidade" pola Alameda, ata que se lles perdeu a pista no barrio da Torre de Chaín. 

As investigacións levadas a cabo localizaron nunha leira o automóbil implicado, un Mercedes C-220, propiedade dunha veciña de Nigrán que manifestaba descoñecer os feitos, "a pesar de que o seu vehículo presentaba evidencias de impacto no seu frontal con restos de pintura".

Finalmente, este venres, rematadas as dilixencias, a Policía Local puxo a disposición do xulgado de garda de Vigo a un mozo de 22 anos, veciño de Gondomar, pola autoría dun presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir de forma "manifestamente temeraria" con desprezo para a vida e a integridade física das persoas e carecendo de permiso de conducir, "que xa tiña retirado pola perda total dos puntos asignados legalmente".