Detido en Tomiño por tráfico de estupefacientes

Trátase dun veciño de 49 anos con antecedentes por cultivo de marihuana

A Garda Civil detivo un veciño de Tomiño, de 49 anos e con antecedentes por cultivo de estupefacientes, por un suposto delito contra a saúde pública, na súa modalidade de tráfico de drogas, tras o que ingresou en prisión.

Segundo informou o Instituto Armado nun comunicado de prensa, no momento do arresto interviñéronselle algo máis de 50 gramos de cocaína e case 500 euros en efectivo.

Os feitos sucederon o pasado luns cando os integrantes do Equipo de Investigación da Garda Civil de Tui localizaron na estrada de Tui a Baiona un vehículo no que circulaba unha persoa que era investigado como sospeitosa de dedicarse á venda e distribución de drogas a pequena escala no sur da provincia.

Ás 13.50 horas dese día lograron interceptar o vehículo á altura da parroquia de Torrón, no termo municipal de Tomiño. "A actitude nerviosa que mostra o condutor ao proceder á súa identificación e o intento de esconder unha bolsa na parte posterior do seu pantalón confirmaban as sospeitas que se reafirmaron inmediatamente cando se comproba que a bolsa contiña 56,5 gramos de cocaína", relatan as mesmas fontes.

No peto do pantalón o individuo, concreta a Benemérita, levaba 466 euros en efectivo. Coa incautación da droga e o diñeiro procedeuse á detención do condutor do vehículo, J.L.V.G., de 49 anos e veciño de Tomiño, como presunto autor dun presunto delito contra a saúde pública por tráfico de estupefacientes.

ANTECEDENTES

Esta persoa xa fora investigada o mes de setembro do ano pasado por cultivo de estupefacientes cando se lle incautou unha plantación de marihuana localizada nun terreo contiguo ao seu domicilio.

A Garda Civil explicou que o ano 2016 tamén se lle aprehenderan 41 plantas de marihuana, polas mesmas datas e no mesmo sitio.

O detido, xunto coa droga e o diñeiro intervido, foi posto este martes a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Tui, que decretou o seu ingreso preventivo en prisión.

Con esta detención, que se enmarca dentro do programa de actividades que realiza o Instituto Armado no ámbito nacional para erradicar a venda e distribución de estupefacientes, "considérase erradicado un importante punto de venda ao pormenor no sur da provincia de Pontevedra".