Detidos dous mozos do Rosal que transportaban máis dun quilo de marihuana 

Foron sorprendidos nun control de estrada en Tomiño

A Garda Civil detivo en Tomiño a dous mozos do municipio pontevedrés do Rosal, acusados dun delito contra a saúde pública, tras ser sorprendidos nun control de estrada con algo máis dun quilo de marihuana. 

Os feitos sucederon este luns no transcurso dun punto de verificación de vehículos establecido por efectivos do Posto da Garda Civil de Tomiño na estrada PO-552. 

As sospeitas que xeraron os dous ocupantes dun dos vehículos interceptados no control propiciaron que a Garda Civil leva a cabo unha minuciosa inspección do turismo e, no interior do maleteiro, localizaron unha mochila con 13 tarros de cristal que contiñan 1.324 gramos de marihuana. 

Tanto o condutor, A.L.G., de 20 anos, como o seu acompañante, M.F.A., de 21, os dous veciños do municipio do Rosal, foron detidos como supostos autores dun delito contra a saúde pública por tráfico de estupefacientes.