A Deputación aproba un novo plan de emprego xuvenil

Substitúe o programa de bolsas que había ata agora por contratos en prácticas

Carmela Silva, este viernes. DP.
photo_camera Carmela Silva. ADP

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o Plan de Fomento de Empleabilidad denominado O teu primeiro emprego que substitúe ao antigo Plan de Práctica Laboral, convertendo as bolsas que había ata agora por contratos en prácticas. 

A presidenta da administración provincial, Carmela Silva, informou en rolda de prensa que o novo plan "garante moito máis os dereitos da mocidade". Silva explicou que os obxectivos deste plan de emprego son facilitar a inserción laboral da mocidade dun xeito activo; apostar por unha estratexia provincial aliñada co Plan Director do Emprego Digno aprobado polo goberno do Estado; evitar a fuga de talento xuvenil por falta de oportunidades reais na súa contorna, e colaborar con empresas, corporacións sectoriais e organizacións sen ánimo de lucro no desenvolvemento económico da provincia. 

Este plan se estrutura en catro programas de actuación: O teu primeiro emprego na Deputación Provincial, nos concellos (de menos de 50.000 habitantes), nas empresas e corporacións sectoriais, e en organizacións sen ánimo de lucro. 

A presidenta da Deputación detallou que os contratos en prácticas serán subvencionados por un período de seis meses, prorrogables a outros seis e serán subvencionados de maneira que a administración provincial achega o equivalente ao salario mínimo interprofesional e as entidades colaboradoras deberán complementar a cantidade que sexa necesaria ata conseguir os salarios que correspondan segundo a categoría profesional asignada polo Convenio colectivo aplicable.

REQUISITOS. Os requisitos para poder acceder a estes contratos inclúen estar en posesión de título universitario ou de formación profesional de grao medio ou superior ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, de acordo coas leis reguladoras do sistema educativo vixente, que habiliten para o exercicio profesional. A iso súmase non transcorrer mais de cinco anos, ou de sete cando o contrato se celebre cunha persoa con discapacidade, desde a terminación dos estudos; non estar e non estar contratados en prácticas pola mesma ou distinta persoa física ou xurídica por tempo superior a un ano, e non ter experiencia laboral previa na titulación, grupos 1 ou 2 para universitarios e grupo 3 para os ciclos superiores. 

Finalmente, Carmela Silva sinalou que a selección das persoas beneficiarias deste plan levará a cabo "segundo as bases reguladoras" que serán aprobadas nas próximas semanas.

NOVAS RUTAS TURÍSTICAS. Por outra banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén presentou en rolda de prensa o novo produto turístico Fame de experiencias. Saborea vos seus museos, paséate pola súa gastronomía que oferta doce rutas tematizadas con información detallada sobre museos, centros de interpretación, xacementos arqueolóxicos, elementos patrimoniais musealizados abertos á visita, así como lugares de interese paisaxístico, produtos e eventos gastronómicos e establecementos de restauración e aloxamentos de cada unha das zonas polas que transcorre o percorrido. 

Carmela Silva indicou que este novo produto "vai situar aos museos como un dos axentes de promoción turística da provincia" e unilos ás "excelencias gastronómicas" agarda "espertar moito fame de vir ata aquí e coñecer todas as experiencias que se poden vivir". 

Comentarios