A Deputación aproba 1,5 millóns en investimentos para unha vintena de municipios 

As achegas destinaranse, entre outras, a actividades de promoción turística e do comercio local
Diputación provincial. DP
photo_camera Deputación provincial. DP

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres varias achegas dentro das Liñas 1 e 2 do Plan Concellos, que beneficiarán a unha vintena de concellos da provincia e que suman un investimento de 1,5 millóns. No primeiro caso, concedéronse sete achegas por un millón de euros para Arbo, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, O Porriño, Nigrán e Vilaboa. 

Respecto da Liña 2, destinada as amortizacións e gastos, así como para financiamento de actividades culturais, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou unha nova relación de achegas para 15 municipios por importe de 458.358 euros. En concreto, serán Baiona, Barro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, O Grove, A Guarda, Moraña, Oia, Poio, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. 

As achegas son tanto para actividades festivas, como a Arribada de Baiona, a Feira do Viño do Rosal ou o Festival Internacional de Música Clasclás de Vilagarcía, como para financiar servizos destas localidades, entre eles os de limpeza viaria e de instalacións deportivas ou para sufragar actividades de promoción turística e dinamización do comercio local.

LÍNEA 3 DE EMPREGO. A Deputación de Pontevedra está a piques de pechar a concesión de achegas correspondentes á Liña 3 de Emprego do Plan Concellos 2021, que favoreceu en dous meses a contratación de 872 persoas en 55 municipios da provincia. Cun orzamento total de 9,5 millóns de euros, está dirixida aos 59 municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes. 

Así, aprobou este venres novas axudas para os municipios de Barro, O Grove e Campo Lameiro, que poderán contratar respectivamente a 10, 27 e 9 traballadores, cun orzamento total de 451.676 euros. Nesta nova relación a maior parte dos postos ofertados son para peóns de obra pública e forestais, aínda que tamén hai postos de monitor deportivo-socorrista, auxiliar administrativo, condutor ou auxiliar cultural, entre outros. 

Comentarios