A Deputación de Pontevedra aproba 34 prazas na Oferta de Emprego Público 2020

Vinte cubriranse polo sistema de oposición libre e as restantes 14 corresponden a promoción interna
EmJJpjNWMAYM0Ph
photo_camera Carlos Font, deputado de Réxime Interior, Economía e Facenda. EP

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a súa Oferta Pública de Emprego (OPE) para este ano 2020 cun total de 34 prazas, das que 20 cubriranse polo sistema de oposición libre e os restantes 14 corresponden a promoción interna.

O deputado de Réxime Interior, Economía e Facenda, Carlos Font, destaca que a OPE xa está publicada nos boletíns oficiais e completa un proceso de axilización en materia de emprego público emprendido na institución provincial, que pasa pola convocatoria de todas as prazas pendentes de anos anteriores.

Ao longo deste ano 2020 a Deputación vai celebrar un total de 118 procesos selectivos para cubrir un total de 257 prazas correspondentes ás OPE de 2017, 2018 e 2019, obrigando a un gra despregamento de traballo nos servizos de Persoal.

Carlos Font explicou que a Deputación recibiu un total de 5.572 solicitudes para estas 257 prazas en proceso de selección ao longo deste ano. Isto significa que hai unha media de 22 solicitudes por praza.

Con todo, explicou, cinguíndonos tan só ás prazas por Oposición Libre, o número medio de aspirantes por praza está próximo ás 60 solicitudes por praza.

Na Deputación de Pontevedra traballan actualmente 1.202 persoas

A maiores recibíronse 969 solicitudes para as 19 prazas de funcionario interino, o que significa 51 solicitudes por cada praza desta modalidade.

Atendendo aos cocientes de renovación do persoal da Deputación, Carlos Font estima que se producen anualmente unhas 25 baixas en nómina, ben por xubilación, incapacidade permanente, baixa voluntaria ou falecemento.

A Deputación cobre o 100% das baixas, é dicir, convoca un mínimo de 20-25 prazas anuais.

O deputado de Réxime Interior xa anticipou que a Oferta Pública de Emprego de 2021 crecerá ata as 66 prazas para cubrir os déficits detectados nalgúns servizos.

Na Deputación traballan actualmente 1.202 persoas, das que 718 son funcionarios de carreira, 213 laborais fixos e, finalmente, outros 271 son postos correspondentes a traballadores temporais.

Comentarios