A Deputación aprobará un suplemento de crédito para achegar o 1% do seu orzamento a sectores afectados

"Nós si cumprimos cos nosos compromisos", engadiu Carmela Silva
Carmela Silva. TWITTER
photo_camera Carmela Silva. TWITTER

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que o vindeiro venres o pleno extraordinario aprobará un suplemento de crédito de máis de 1,6 millóns de euros para achegar o 1% do orzamento desta administración provincial aos concellos para que xestionen as axudas que serán directas e finalistas para os sectores afectados pola pandemia.

Con esta nova liña e os seis millóns xa habilitados no Plan Concellos, a Deputación pontevedresa pon a disposición dos municipios ata 7,6 millóns de euros para apoiar aos sectores produtivos que se viron obrigados a pechar ou afectados as restricións impostas pola Xunta".

En rolda de prensa, Carmela Silva destacou que "en sete días, desde que rompeu a negociación porque a Xunta non quixo acordar, esta Deputación ten xa todo preparado para achegar o 1% de orzamento aos sectores afectados pola pandemia". "Nós si cumprimos cos nosos compromisos", engadiu.

Ademais, os recursos van chegar "de xeito inmediato" porque teñen, comentou, "xa establecido a repartición, que atende ao criterio de poboación". Neste mesmo campo a presidenta informou de que "ao día seguinte ao da publicación deste suplemento de crédito os concellos poderán xa solicitar os recursos e, para axilizar aínda máis o proceso, a Deputación adiantará as contías, achegándoas tras a simple presentación da solicitude de cada concello e sen esperar á xustificación".

Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar que as competencias en actividades económicas "son exclusivísimas da Xunta de Galicia"

Así mesmo, incidiu en que se algún concello decide complementar esta axuda directa e finalista aos sectores afectados con recursos do 20% da liña 1 do Plan Concellos, tamén adiantarán "esas contías de xeito inmediato".

Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar que as competencias en actividades económicas "son exclusivísimas da Xunta de Galicia que é a que ten que habilitar os recursos" e que o Executivo autonómico recibiu 224 millóns de euros en 2020 do Goberno do Estado aos que se sumarán outros 441 que recibirá neste 2021. "¿Onde están eses recursos? ¿A que se van a destinar?", preguntou.

CONTRATACIÓN DE 335 PERSOAS

Ademais, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres as primeiras achegas por 3,7 millóns de euros para o financiamento da contratación de 335 persoas traballadoras ao amparo da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos, para un total de 25 concellos.

A presidenta Carmela Silva remarcou que estas primeiras axudas do plan mostran "a axilidade do mundo local á hora de xestionar recursos" e, neste sentido, felicitou aos concellos pola celeridade en solicitar estas achegas que pon a súa disposición a institución provincial xa que pasou menos dun mes desde a aprobación definitiva do orzamento provincial e de que se abrise o prazo de presentación de solicitudes.

ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

O goberno provincial tamén aprobou este venres o novo contrato do servizo de administración electrónica para as entidades locais "para impulsar aínda máis un programa tan ambicioso que o cambiou todo", e no que leva investidos máis de dous millóns de euros.

Trátase dun contrato por un prazo dun ano, prorrogable outros dous, e que conta cunha partida de 578.500 euros ao ano, para garantir que 54 concellos, seis entidades locais menores e cuatrp mancomunidades poidan desenvolver este servizo.

Este investimento chega a todos os concellos de menos de 30.000 habitantes salvo Nigrán, Ribadumia, Marín e Vilanova, que teñen o seu propio sistema e non se adheriron ao posto en marcha pola Deputación.

Comentarios