A Deputación de Pontevedra colabora con asociacións para promover unha formación contra o cambio climático 

Carmela Silva asinou este xoves de tres convenios de colaboración con Asefoga, Fegama e Ventonoso cuns fondos de case 113.000 euros
Carmela Silva. DP
photo_camera Carmela Silva. DP

A Deputación de Pontevedra colaborará coa Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), a Federación Galega de Medio Ambiente (Fegama) e a asociación Ventonoso para impulsar talleres en centros escolares e formar ao sector agrogandeiro, co fin de aumentar a concienciación sobre a protección da contorna e a loita contra o cambio climático.

A presidenta de ente provincial, Carmela Silva, asinou este xoves de tres convenios de colaboración coas asociacións, cuns fondos de case 113.000 euros. Os acordos, dixo, son "iniciativas potentes" que favorecen o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030. Entre as metas está lograr que o sector primario "camiñe cara á transición ecolóxica", afirmou.

Con estes proxectos, que se desenvolverán ao longo de 2020, organizaranse talleres en centros escolares da provincia para concienciar ao alumnado sobre o cambio climático e o papel dos bosques, así como cursos de formación dirixidos ás explotacións agrogandeiras da provincia para o emprego de fontes de enerxía alternativa.

A presidenta valorou a aposta por traballar directamente cos centros educativos e os rapaces, unha idea con moito "poder" para, á súa vez, "cambiar ás familias".

No caso concreto de Asefoga, destacou o seu presidente, Jacobo Feijóo, organizaranse 14 talleres con material didáctico para "completar o currículo cunha visión fresca e directa do sector forestal de Galicia".

A Deputación de Pontevedra tamén traballará cos centros educativos da man de Fegama, tal e como explicou a súa directora técnica, Carmela Cañedo, que concretou que desenvolverán accións en 14 centros escolares.

Para rematar, sobre o convenio con Ventonoso, a súa directora técnica, Patricia Sánchez, subliñou que o obxectivo é acelerar a transición ecolóxica no sector agrogandeiro, coa aposta por enerxías renovables e a formación nesta materia. Ofreceranse cursos en liña e en modalidade mixta, indicou.

Comentarios