A Deputación de Pontevedra manterá as axudas aos festivais de cine

O PP provincial pide a Carmela Silva "explicacións" pola "fraude" dos bolseiros
20161220_parlamento_20
photo_camera Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. ARQUIVO

A Deputación de Pontevedra manterá as axudas e subvencións aos festivais de cine da provincia, segundo trasladou este luns a presidenta da institución, Carmela Silva, ás organizacións destes eventos culturais, coas que tivo un encontro telemático, no que se informou da próxima creación dunha marca para estas citas cinematográficas.

Así o comunicou nesa reunión, na que estiveron presentes representantes do festival Play Doc de Tui, do FIC Bueu, do Festival de Cans do Porriño, de Curtas Armandiña de Poio, Novos Cinemas de Pontevedra, Festival de Cine Inclusivo, Freaky Filme e Primavera do Cine (os tres de Vigo) e de Curtas Filme Fest de Vilagarcía de Arousa, así como representantes dos concellos onde se celebran.

No encontro telemático, no que se confirmou que todos os festivais aprazarán as súas próximas edicións para o último cuadrimestre do ano debido á pandemia de coronavirus, avanzouse na creación dunha "marca propia de calidade" que integre a todos os festivais. Trataríase dunha marca elixida de forma consensuada e que se presentará logo das eleccións autonómicas de xullo.

Segundo explicou Carmela Silva, ter unha marca propia permitirá a estes eventos entrar noutros circuítos provinciais, non só no cultural, senón tamén, por exemplo, no circuíto turístico.

Ademais das axudas e a creación da marca, a Deputación comprometeuse a impulsar "unha potente campaña", e comprar un lote de entradas para sortear entre o público e animar a participar nos eventos.

No contexto da crise sanitaria, e ante a incerteza sobre os protocolos, o organismo provincial e a organización dos festivais estudarán elaborar un "modelo único" para todos vos eventos, o que axudará tamén a difundir "unha marca de seguridade de face ao público". A ese respecto, a Deputación facilitará aos eventos material de sinalización, de protección ou dispositivos móbiles de control de temperatura.

Finalmente, Silva tamén anunciou aos festivais que se manterán as axudas a estes eventos (o prazo para solicitalas, unha vez que se renoven os trámites administrativos o 1 de xuño, estenderase ata o 13 de xuño), flexibilizaranse as condicións para a xustificación de gastos e posibilitarase o pago dun anticipo de ata o 50 por cento.

Petición de "explicacións" do PP

Por outra banda, o grupo do PP na Deputación de Pontevedra pediu este luns á presidenta da institución provincial "que deixe de esconderse" e dea "explicacións" achega do "fraude" dos bolseiros, logo de facerse pública unha sentenza dun xulgado do Social de Pontevedra, que recoñece a relación laboral de 38 bolseiros co organismo presidido por Carmela Silva .

Este grupo denunciou o "escurantismo" de Silva e as "mentiras" que, na súa opinión, envolveron a este proceso, á vez que constatou que "está no ADN desta presidenta, que cando algo non lle gusta, non fala, mente e, o peor de todo, é capaz de pór á administración ao servizo dos intereses do PSOE".

A ese respecto, o PP recordou que Silva "impediu o debate no pleno" achega do 'enchufe' da súa cuñada nunha concesionaria municipal en Vigo (un caso polo que resultou condenado un alto funcionario do consistorio olívico) e tamén "negou o acceso" á acta da inspección laboral sobre eses bolseiros "alegando confidencialidade, cando o que pretendía era ocultar a súa pésima xestión".

"¿Este é o modelo laboral do PSOE?", cuestionaron desde o grupo 'popular' provincial, que tamén denunciou que a propia Silva "mentiu" cando asegurou que as denuncias sobre a situación deses bolseiros eran falsas.

Comentarios