A Deputación de Pontevedra, "optimista", prepara unha "potente" campaña de promoción turística 

Contará cun investimento de 200.000 euros e contémplanse ata tres prórrogas do contrato para os próximos anos
Carmela Silva, en la rueda de prensa. DEPUTACIÓN
photo_camera Carmela Silva, na rolda de prensa. DEPUTACIÓN

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou este luns que se aprobou o proceso de contratación do servizo de xestión integral da campaña anual de comunicación e promoción turística do destino Rías Baixas, que terá un investimento de 200.000 euros e prevé que sexa "potente". 

En rolda de prensa, Silva asegurou ser consciente de que o actual é "un momento moi complicado para o sector turístico", pero tamén se mostrou "optimista, vendo que parece que vai haber vacinas". "Queremos ter todo en marcha", dixo, para "avanzar rápido para estar preparados". 

Por todo iso, contémplanse ata tres prórrogas do contrato, o que supón a posta en marcha dun proxecto de máis de 780.000 euros para a promoción turística nos próximos catro anos. 

A campaña terá en conta "o novo escenario" e a situación do sector turístico. Deste xeito, para 2021, a acción promocional centrarase en mercados de proximidade e na captación de turistas e visitantes da península Ibérica. "Xa que somos moi conscientes de que aínda estamos nunha situación complicada e seguramente as persoas que se acheguen ata a provincia proveñan de Galicia, do resto de España e Portugal", explicou Silva. 

Durante 2021 a campaña de comunicación e promoción turística apostará pola difusión do destino da provincia de Pontevedra e os seus recursos turísticos mediante "accións dirixidas á desestacionalización". Concretamente, as actividades promocionais estarán "moi centradas na natureza, o patrimonio e a vida saudable", que serán as temáticas máis relevantes "porque é o que están a solicitar" os visitantes. "Son as demandas reais logo de vivir unha situación de pandemia". 

A Deputación apostará o próximo ano por empregar "medios online e offline", do mesmo xeito que fixo neste 2020. Tamén está previsto que se realice un proceso de avaliación da campaña promocional "que permitirá mellorar os resultados", segundo Silva. 

2,6 millóns para o Plan Móvese de seguridade viaria
A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou na súa reunión deste luns investimentos por 8 millóns de euros. Carmela Silva asegurou que demostran "unha enorme preocupación desta Administración para garantir que os concellos teñan recursos". 

Estradas
O investimento máis importante é a dedicado a estradas provinciais. Por unha banda, co Plan Móvese 3 (Mobilidade e Velocidade Segura), dotado con 2,6 millóns de euros para desenvolver 470 actuacións en 54 municipios. Implantaranse zonas 30, pasos de peóns sobre elevados e reductores físicos de velocidade de vehículos naqueles tramos das vías que os concellos consideren oportuno. 

Mantemento
Neste capítulo de infraestruturas, Carmela Silva tamén anunciou a aprobación de recursos "para reforzar as brigadas propias que cobren todo o territorio". En total 3,2 millóns de euros. 

Comentarios