A Deputación de Pontevedra presenta un orzamento de 161 millóns de euros

A débeda rebáixase 3,9 millóns, "preto da débeda cero", sinalou Carmela Silva 
 
Carmela Silva y César Mosquera. DP
photo_camera Carmela Silva e César Mosquera. DP

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente, César Mosquera, compareceron este mércores en rolda de prensa para dar a coñecer os orzamentos da Administración provincial para 2020 que alcanzan os 161 millóns de euros, o que supón un incremento dun 1,9% respecto dos anteriores. 

O orzamento consolidado, que inclúe as cantidades destinadas á Escola de Enfermería e o Consorcio contra incendios, elévase ata os 164,5 millóns. 

César Mosquera valorou que son uns orzamentos presentados "en tempo e forma, incluso con anticipación" que "supoñen un bo avance no que temos acordado" e, rematou o nacionalista, "son a demostración de que hai un goberno con ideas, con impulso, sólido e que ten uns obxectivos ben claros" que se irán facendo "efectivos na práctica". 

Entre o máis destacable deste orzamento está a redución da débeda a 3,9 millóns, "preto da débeda cero", sinalou Silva. Neste sentido, a presidenta recordou que cando o Partido Socialista e o BNG fixéronse cargo da Deputación en 2015 a débeda era de 41 millóns de euros. "Podemos presumir tamén nisto de ser unha administración modélica", comentou. 

Segundo explicou Carmela Silva, as contas do Goberno provincial priorizan "cinco grandes áreas que dan sentido a toda a acción de goberno": a sustentabilidade e a transición ecolóxica (á que se destinan 27,4 millóns de euros); economía, innovación e emprego (10,4 millóns); avance sociocultural e deportivo (33,9 millóns); igualdade (1,3 millóns) e asistencia económica e técnica aos concellos (54,4 millóns de euros). 

Mosquera precisou que o novo criterio de repartición obedece á idea de axilizar "a execución" polo que se impulsan aqueles proxectos que están "maduros, é dicir, listos para empezar a andar". Deste xeito corríxense algúns defectos que, ao seu xuízo, existían na Administración provincial.

PLAN PARA CONCELLOS. O plan para concellos segue sendo a gran aposta da Deputación de Pontevedra dentro do seu "compromiso" cos municipios de ata 50.000 habitantes da provincia. O Goberno provincial destina 42,2 millóns de euros para "impulsar a xestión municipal e promover o desenvolvemento económico e a creación de emprego", nas tres liñas de axudas nas que se distribúe este plan. 

Carmela Silva destacou que este financiamento ás localidades "reforza os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal" no marco de respecto "ao principio de autonomía local", coas "mesmas regras para todos" e con "equidade".

MAIOR NÚMERO DE TRANSFERENCIAS. A Deputación de Pontevedra dedica directamente aos gobernos locais o 30% do seu orzamento, o que a converte na Administración provincial de todo o Estado que máis recursos transfire directamente aos concellos segundo os datos do Ministerio de Facenda correspondentes ao pasado ano. Unha porcentaxe que se ve incrementado neste novo orzamento, destacou Carmela Silva. 

Silva comparou este 30% cos datos doutras deputacións gobernadas polos populares, sendo a de Valladolid a que se situaba a menos distancia da de Pontevedra cun 14,12% dos seus orzamentos, seguida de Zamora cun 6,15% e chamou a atención o dato de Ourense, cun 0,06% dos seus orzamentos. 

A presidenta da Deputación, en resposta a moitas "bobadas que di a xente", tamén sinalou que a Xunta só dedica un 2,3% da súa recadación tributaria ao Fondo de Cooperación Local, o que supón un 0,1% do Orzamento Autonómico total.

INTERCAMBIO. Finalmente, Carmela Silva insistiu en que "a Deputación de Pontevedra non pode estar a manter nin financiando servizos e centros nos que a súa competencia nin é propia nin é delegada", en referencia á Escola de Enfermería, a Escola de Cantería, Estación Fitopatológica do Areeiro, Leira de Mouriscade e Cidade Infantil Príncipe Felipe "que teñen un custo para a Deputación de máis de 16 millóns de euros".

Neste sentido, Carmela Silva propuxo á Xunta "que fagamos un intercambio: nós financiamos todo o que ten que ver coas urxencias e a Xunta que quede con todos estes servizos". O goberno provincial conta con aprobar de xeito inicial este orzamento no próximo pleno fixado para o 5 de novembro. 

Comentarios