A Deputación reclama un plan de usos e actividades para a illa de San Simón

María Ortega lamenta que, durante os anos que o Concello de Redondela estivo gobernado polo PP, o goberno municipal fixo caso omiso" das súas responsabilidades
Isla de San Simón. ADP
photo_camera Illa de San Simón. ADP

A Deputación de Pontevedra reclamou ao Concello de Redondela que elabore un plan de usos e actividades permitidas para a illa de San Simón, para evitar que se volvan a celebrar actividades "irrespetuosas" coa memoria das vítimas da represión franquista que foron alí encarceradas. 

A través da deputada responsable da área de memoria histórica, María Ortega, a Deputación súmase así á petición da asociación Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que recorda que a illa está declarada como ben de interese cultural. 

Esta protección, recorda Ortega, obriga ao concello a establecer as "determinacións específicas" necesarias para a súa protección e conservación, así como aprobar as ordenanzas que regulen as actividades compatibles cos valores culturais da illa. 

A deputada lamenta que, durante os anos que o Concello de Redondela estivo gobernado polo PP, o goberno municipal fixo caso omiso" das súas responsabilidades e mostrou a súa confianza que o actual executivo, presidido polo PSdeG-PSOE, sexa "máis sensible" coa memoria histórica. 

María Ortega afirma que San Simón debe ser declarada como "illa da memoria" e aprobarse un plan cultural e educativo que poña en valor os "feitos vividos no lugar"

María Ortega, deputada polo BNG, asegura "entender" a reivindicación dos colectivos da memoria, especialmente tras o anuncio da celebración dun campamento pirata en San Simón para o mes de agosto, algo que "deturpa" as características da illa. 

Engade que San Simón debe ser declarada como "illa da memoria" e aprobarse un plan cultural e educativo que poña en valor os "feitos vividos no lugar", converténdose nun punto de encontro entre xeracións coa memoria histórica como eixo central. 

A este respecto, Ortega afirma que a "responsable última" da illa é a Xunta de Galicia, á que acusa de mirar "para outro lado" e permitir actividades "non respectuosas e con fins lucrativos" que non están relacionadas cos usos "acordes" para esta illa. 

Comentarios