A Deputación reparte 11 millóns entre 31 concellos pontevedreses para intervir en viarios

Carmela Silva destaca a inclusión de proxectos "en concellos de todas as cores políticas"

Carmela Silva y César Mosquera. DP
photo_camera Carmela Silva e César Mosquera. DP

A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera, presentaron este martes os proxectos que se van beneficiar do Plan bianual 2018/2019 de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais, DepoRemse, que reparte 11 millóns de euros entre 31 concellos de todas as comarcas "e de todas as cores políticas". 

O Plan está destinado aos municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes e vai permitir reformular as vías municipais de todas as comarcas para que sexan "máis seguras e accesibles". Carmela Silva mostrou a súa satisfacción por esta adxudicación de fondos feita por persoal técnico da institución provincial "atendendo a unhas bases claras e obxectivas, algo que non é habitual noutras administracións". 

A presidenta explicou que se presentaron 48 proxectos e que finalmente foron 31 os que se van a aprobar. Neste sentido, destacou a inclusión de proxectos "en concellos de todas as cores políticas, xa que dez están gobernados polo PP, nove polo PSdeG, sete polo BNG e cinco por Mareas e/ou Independentes", o que, segundo destacou, "manifesta a máxima transparencia deste goberno que reparte os recursos atendendo sempre a criterios obxectivos".

REMODELAR RÚAS E VÍAS. Pola súa banda, César Mosquera explicou que o Plan DepoRemse impulsa proxectos para remodelar rúas e vías municipais atendendo á política de mobilidade da Deputación de Pontevedra, que dá prioridade á seguridade e á mobilidade peonil nas infraestruturas viarias. Así, o Plan DepoRemse conta con dúas liñas a través das cales se distribúen as subvencións entre actuacións para a instalación de pasos sobreelevados e reductores físicos de velocidade e para mellorar a mobilidade e seguridade viaria nos espazos públicos municipais dentro do ámbito ou na contorna de puntos de gran atracción. 

Silva e Mosquera incidiron en que "nunca en toda a historia da Deputación" os municipios da provincia recibiron tantos recursos da institución provincial, "máis de 300 millóns de euros directamente aos concellos", cifrou o vicepresidente. 

César Mosquera cualificou os resultados do Plan DepoRemse de "espectaculares" e cualificou esta iniciativa como "todo un reto", xa que "é a primeira vez" na que a Deputación financia preferentemente proxectos que estean "ben traballados, ben pensados e ben estruturados" deixando atrás unha etapa anterior. "As chapuzas pasaron á historia", sentenciou. 
 

Comentarios