A Deputación tinguirase de amarelo ata o sábado polo Día Mundial contra o cancro infantil

A iniciativa busca contribuír a visibilizar a loita das entidades que impulsan "unha maior investigación"

Pazo Provincial. ALBA SOTELO
photo_camera Pazo Provincial. ALBA SOTELO

A Deputación de Pontevedra únese á celebración do Día Mundial contra o cancro infantil, que ten lugar este venres 15 de febreiro, polo que o Pazo provincial tinguirase de amarelo de xoves a sábado.  Así o informou a institución provincial, que concretou que, tras a solicitude da Asociación Nico contra o cancro infantil, iluminarase o edificio desde a noite deste xoves ata primeira hora do sábado de amarelo, "a cor do ouro, que simboliza a fortaleza e resistencia" dos nenos que se enfrontan a esta enfermidade e das súas familias. 

Para a Deputación de Pontevedra este tipo de accións supoñen "un paso máis para visibilizar enfermidades como o cancro infantil" e "apoiar entidades" que traballan para lograr "unha maior cohesión social, mellorar a calidade de vida da cidadanía e impulsar melloras en conto ao diagnóstico, tratamento e investigación de enfermidades que afectan a colectivos tan vulnerables como a infancia".

Por iso, o goberno provincial mostrou a súa intención de sumarse ás iniciativas que por parte da Asociación Nico contra o cancro infantil desenvolven desde o ano 2015 tanto para impulsar "unha maior investigación como para garantir o dereito a un diagnóstico e tratamento preciso e a tempo". 

Ademais da iluminación de amarelo do Pazo provincial de Pontevedra está previsto que tamén se tingan da cor do ouro outros espazos públicos en Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol e Ourense. 

Comentarios