A Deputación transfire 1,3 millóns a Cambados, Ponte Caldelas, Caldas e Sanxenxo

O goberno de Carmela Silva achega máis de 450.000 euros para as obras de renovación da iluminación pública en 43 municipios
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, preside a reunión da xunta de goberno. DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o venres transferir máis de 1,3 millóns de euros aos concellos de Cambados, Ponte Caldelas, Caldas de Reis e Sanxenxo no marco do 'Plan Concellos'.

Segundo informa a institución nun comunicado, o gordo deste montante irá parar a Sanxenxo, que contará con 887.498 euros para cofinanciar a urbanización da zona 'E69B', no lugar de Revel, na parroquia de Vilalonga. En concreto, adecuaranse os viarios, substituiranse as redes eléctricas e recuperarase un arroio e a vexetación que o rodea.

En canto a Caldas de Reis, recibirá da Deputación unha partida de 288.507 euros para financiar a primeira fase do saneamento de residuos en Paradela, na parroquia de Bemil. Pola súa banda, Cambados beneficiarase de 99.612,50 euros deste 'Plan Concellos' para comprar o antigo local da Cámara Agraria e empregala para prestar servizos de competencia municipal.

Ademais, o Concello de Ponte Caldelas contará cunha achega de 77.047 euros para acondicionar unha zona verde lindeira coa Praza Praceres Casteláns.

Iluminación sostible

Por outra banda, a xunta de goberno do venres aprobou adxudicar obras de renovación da iluminación exterior nun total de 43 municipios da provincia por un importe de 458.169,32 euros. Estes traballos tamén contarán con fondos europeos.

As actuacións están recollidas nos expedientes de axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Goberno central e buscarán favorecer "o paso a unha economía baixa en carbono", explica a Deputación.

Comentarios