Tres estudantes da UVigo convértense nos "mellores empresarios virtuais de España"

Na primeira edición do Business Talents inscribíronse 564 estudantes de 47 universidades
Os estudantes da UVigo gañadores do certame. EUROPA PRESS
photo_camera Os estudantes da UVigo gañadores do certame. EUROPA PRESS

Os estudantes da Universidade de Vigo, Óscar Lago, Iván Gómez e Sergio Alonso, alzáronse co título de mellores empresarios virtuais de España ao quedaren por diante de máis de 250 participantes na primeira final nacional de Business Talents, unha iniciativa formativa impulsada por Herbalife Nutrition e Praxis MMT, para promover a cultura emprendedora entre os universitarios.

Ademais deste equipo, outro grupo de catro estudantes da UVigo logrou facerse co quinto premio. Nos postos segundo, terceiro e cuarto clasificáronse estudantes da Universidade de Valencia, da Universidade Rovira i Virgili de Barcelona e da Universidade de Salamanca, respectivamente. Os equipos gañadores repartíronse máis de 7.500 euros en premios e os seus correspondentes diplomas acreditativos.

Á final deste certame chegaron 267 estudantes de 33 universidades de toda España, que competiron en liña. Así, os participantes, con axuda de simuladores de xestión empresarial (desenvolvidos por Praxis MMT), tiveron que dirixir a súa propia empresa virtual e demostrar os seus coñecementos en economía e empresa para que a súa compañía conseguise os máximos beneficios.

Neste proceso, os estudantes tiveron que preparar un plan de actuación para a súa empresa e ir tomando decisións estratéxicas en tempo real, segundo as diferentes situacións de mercado que se lles expón no simulador. Por equipos, tiveron que empregar distintas técnicas como o fan os empresarios de éxito e analizar o mercado e as súas fluctuacións, planificar, executar e controlar todas as variables.

Segundo explicou Mario Martínez, o director de Business Talents, "convertéronse en verdadeiros directivos e viviron unha experiencia case real da economía". Así mesmo, puxo en valor que os universitarios demostraron "unhas calidades magníficas" e lembrou que o obxectivo deste certame é que os mozos teñan oportunidade de "enriqueceren o seu currículo" e axudarlles na "orientación cara ao seu futuro" no mercado laboral.

Nesta primeira edición de Business Talents inscribíronse 564 estudantes de 47 universidades españolas, que competiron en diferentes fases en liña desde o pasado mes de novembro.

"Fainos moita ilusión compartir os momentos decisivos cos finalistas da primeira edición de Business Talents. Sabemos que foron meses de moito esforzo até chegar aquí", afirmou Mónica Vivar, responsable de Recursos Humanos de Herbalife Nutrition Iberia, que felicitou aos gañadores e tamén ao resto, que "loitaron até o final". 

comentarios