Excarcerada unha persoa tras sufrir o seu vehículo unha saída de vía en Tui

Foi  evacuada polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia

Unha saída de vía saldouse cunha persoa ferida cando circulaba co seu vehículo pola PO-552, no punto quilométrico 71, ao seu paso polo concello pontevedrés de Tui.

O accidente tivo lugar ás tres desta tarde. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a chamada de varios particulares que alertaban dun vehículo que sufrira unha saída vía na estrada que une as localidades de Tui e A Guarda. Ademais, indicaban que a persoa ferida, única ocupante do turismo, podería estar atrapada no seu interior.

Decontado, desde Emerxencias 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Baixo Miño e dos axentes de Tráfico e Policía Local e de Protección Civil da vila.

Xa no lugar, os servizos de emerxencia fixeron uso do material de excarceración para liberar a persoa afectada para, finalmente, ser evacuada polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.