AXENDA

¿Que facer en San Xoán?

Os concellos de Pontevedra ofrecen diversos eventos para celebrar esta noite 'máxica'
Nenos xogando arredor dunha fogueira nun San Xoán pasado. DAVID FREIRE
photo_camera Nenos xogando arredor dunha fogueira nun San Xoán pasado. DAVID FREIRE

Pontevedra

▶Os barrios de Pontevedra renunciarán este ano a celebración da Noite de San Xoán coas súas tradicionais cacharelas e sardiñadas. Barriadas como Eduardo Pondal, A Seca ou Lourizán terán que agardar un ano máis para recuperar a festa da noite máis máxica do ano.

Por outra parte, só se poderán facer celebracións individuais e privadas de San Xoán. Os interesados en facer fogueiras tiveron que pedir permiso ao Concello. O prazo estivo aberto ata o venres pasado.


Poio

▶Recollida de Herbas de San Xoán, organizada pola Asociación Cultural Ronsel. Este martes ás 17.00 e ás 19.00 horas na antiga escola do Sartal.

▶Desde este martes e ata o xoves a veciñanza poderá participar no concurso fotográfico #FotoSanXoanPoio2020, que se levará a cabo nas redes sociais.

▶O mércores haberá concertos ás 13.00 horas da banda de música de Arcade (Monasterio) e as 20.00 horas da escola de Campelo (Praza da Granxa).


Marín

▶A Noite de San Xoán celebrarase en Cantodarea. A organización queimará dúas fogueiras. Unha ás 22.00 horas deste martes e outra a partir das 00.00 horas.


Caldas

▶Caldas de Reis non renuncia a celebrar o tradicional San Xoán. Ás 20.00 horas deste martes o grupo Le Barluthier ofrecerá o seu espectáculo de música e animación arredor do piano. Ás 22.00 horas, concerto de Beni Ferreiro e Juanma Fernández. Todo no Campo Torre.


Medidas de seguridade. A Policía Local de Marín e Poio vixiará para que se respecten as normas

O San Xoán multitudinario con saltos de fogueiras, bailes e abrazos non poderá ser. Pero os concellos que celebran a festividade do solsticio de verán esméranse estes días por manter unhas festas anticovid que garantan a seguridade dos asistentes. Roldas de vixilancia por parte da Policía Local que realizarán un control estrito do cumprimento das normativas é a aposta de Poio para que as festas leven a cabo con tranquilidade.

O municipio poiense non celebrará cacharelas públicas, pero si tramitou 96 permisos de fogueiras privadas. Así, ademais de controlar que cumpran cos requisitos de distancia do lume de vivendas e árbores, os axentes da Policía Local velarán tamén por que non se incumpran medidas relacionadas co control da pandemia nas festas de carácter privado. Do mesmo xeito, multarase a aquelas persoas que realicen fogueiras sen pedir previamente o correspondente permiso.

Onde si se celebrarán fogueiras públicas será no Concello de Marín, aínda que desde o Goberno local advirten de que se vixiará o cumprimento das normas coa creación dunha contorna delimitada para o público, o establecemento de itinerarios de entrada e saída do recinto, a distancia de seguridade entre asistentes, o uso de máscara e a limitación do aforo. Será a Policía Local a que, a través dun dispositivo de vixilancia e seguridade, controlará o cumprimento das normas.

Ademais das cacharelas públicas permitidas, en Marín tramitáronse permisos para máis de 100 fogueiras en terreos privados que se celebrarán na noite deste martes. As praias estarán pechadas e non está permitido instalar postos de comida en ningún lugar do termo municipal de Marín. Os únicos que poderán montar grelladas na vía pública serán os establecementos de hostalería que pediron permiso sempre que cumpren coas medidas hixiénico sanitarias.

Por outra banda, en Vilagarcía outorgáronse 178 permisos para realizar fogueiras privadas e dez para grelladas de negocios de hostalería.

Comentarios