Falece afogada unha nena de tres anos tras caer a unha piscina en Nigrán

A pequena entrou na parcela dos seus veciños e precipitouse á auga

Unha nena de tres anos faleceu na tarde deste luns afogada nunha piscina da parroquia de Camos, en Nigrán. Ao parecer, a pequena entrou na parcela privada dos seus veciños, que tiñan unha piscina prefabricada, subiu pola escaleira e precipitouse á auga.

Parece ser que foi unha curmá da vítima, de 16 anos, a que a atopou, e un veciño quen lle prestou os primeiros auxilios.

Ata o lugar do suceso acudiron os servizos de urxencia, que intentaron durante case unha hora reanimar á menor, sen éxito. Finalmente, a nena morreu no lugar do accidente.