Feridas dúas persoas tras chocar o seu camión contra un bus escolar en Redondela

Nnguno dos menores que viaxaba no autobús resultou ferido o accidente

Dúas persoas resultaron feridas este xoves nunha colisión entre un camión e un autobús que circulaban pola recta da praia de Cesantes, en Redondela.

Segundo a información do CIAE 112-Galicia, o accidente sucedeu ás 14.15 horas deste xoves, cando un particular chamou para solicitar asistencia para os dous ocupantes dun camión de chatarra que chocara contra un autobús no que viaxaban seis escolares.

No operativo participaron axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil da localidade, así como os Bombeiros de Baixo Miño, que tiveron que liberar a un dos feridos.

Afortunadamente, ningún dos menores que viaxaba no autobús resultou ferido e foron recollidos polos seus pais. Pola contra, os servizos sanitarios evacuaron aos dous ocupantes do camión ao centro hospitalario de referencia.