Feridas dúas mulleres nun accidente con dous coches implicados en Mos

Foron evacuadas e trasladadas ao hospital polos equipos de urxencias

Dúas persoas resultaron feridas na noite deste xoves nun accidente con dous coches implicados na A-55 ao seu paso polo termo municipal de Mos. Segundo informou o 112 Galicia, este accidente tivo lugar uns minutos antes da medianoite no punto quilométrico 13 da A-55 ao seu paso pola parroquia de Sanguiñeda, no termo municipal pontevedrés de Mos. 

Varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia para informar do sucedido e solicitar asistencia médica para as dúas ocupantes dun dos vehículos. De acordo coa información facilitada aos xestores do 112 por un dos alertantes, os turismos entorpecían a circulación. 

Con estes datos, o Centro Integrado de Emerxencias de Galicia puxo a situación en coñecemento de profesionais sanitarios, dos Bombeiros do Porriño e dos efectivos do Servizo Municipal de Urxencias de Mos. 

Unha vez no lugar, os equipos de urxencia confirmaron ao 112 que as dúas mulleres feridas foron evacuadas a un centro hospitalario, indicaron as mesmas fontes.  Ademais, para garantir as condicións de seguridade na vía, tamén se solicitou a intervención de axentes da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento das estradas.

Comentarios