Os tres ocupantes dunha furgoneta, dous adultos e un menor, resultaron feridos na noite deste xoves logo de saírse da vía ao seu paso polo municipio pontevedrés de Redondela.
Segundo informou o 112 Galicia, todo parece indicar que cando o vehículo circulaba pola estrada N-550, á altura de Cedeira, quedou sen freos e o condutor perdeu o control, o que provocou que se saíse da vía.
Os tres ocupantes resultaron feridos, aínda que non parecían revestir gravidade. O 112 indicaron que puideron saír polos seus propios medios do interior do vehículo.
Debido ao impacto, e tras saírse da calzada, o vehículo chocou contra o muro dunha casa causando danos materiais na propiedade e nun poste.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 21,00 horas deste xoves a través de varias persoas particulares que chamaron para pedir axuda.
Tras iso, os xestores do 112 ademais de alertar a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, puxeron os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico, da Policía Local e dos efectivos de Protección Civil de Redondela. Tamén, solicitaron a colaboración do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargaron da limpeza da vía.
Ao lugar o 061 enviou dúas ambulancias de soporte vital básico para atender ao menor, á muller R.M.R., de 36 anos e ao home L.A.F., de 42 anos, que foron evacuados ao Hospital Álvaro Cunqueiro, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.