Folga do persoal da sanidade privada de Pontevedra por un convenio digno

Anuncian que pararán durante cinco días e que realizarán dúas concentracións

Concentración celebrada en 2017 por un convenido digno de la sanidad privada. RAFA FARIÑA
photo_camera Concentración celebrada en 2017 por un convenio digno da sanidade privada. RAFA FARIÑA

Os traballadores da sanidade privada da provincia de Pontevedra están chamados á folga os días 7, 14, 21, 26 e 27 de marzo, co obxectivo de esixir avances na negociación do novo convenio colectivo provincial, xa que consideran que a última oferta da patronal é "unha miseria, unha porcallada, un insulto".

Nunha rolda de prensa, os portavoces do tres sindicatos convocantes, Carlos Cancela, de UXT; Ángel Cameselle, de CC.OO.; e Francisco Gómez, da CIG; incidiron en que a negociación do convenio está paralizada porque a patronal "non atende a razóns" e "só ofrece unha pequena subida".

En concreto, explicaron que a oferta da parte empresarial contempla unha paga non consolidable dun 0,65 por cento para os anos 2014, 2015 e 2016, e subidas para o ano 2017 do 1,25 por cento e do 1,50 por cento tanto para 2018 como para 2019. "Beneficios á conta dos traballadores, un insulto", sentenciaron.

Tamén aseguran que a negociación está "enquistada" no relativo aos permisos -casamento, alumeamentos, etc.-; ante o que remarcaron que entre a sanidade pública e a privada "hai moita diferenza a nivel nómina e nivel de permisos".

Neste sentido, insistiron en que os empregados da sanidade privada galega teñen "dos salarios máis baixos de España e as xornadas máis longas" e sofren "unha gran carga de traballo, moita eventualidade e unha tremenda polivalencia".

No marco da folga, os profesionais do sector tamén foron convocadas a dúas concentracións o próximo día 7. A primeira delas ás 11.00 horas ante o Hospital Nuestra Señora de Fátima, en Vigo; e a segunda ás 18.00 horas ante o sanatorio de Santa María, en Pontevedra.

SERVIZOS MÍNIMOS. En canto aos servizos mínimos, explicaron que o pasado 28 de febreiro houbo unha reunión para negocialos, pero foi "un insulto máis aos sindicatos", posto que algunhas empresas, entre as que mencionaron a HM O Castro, xa os marcaron. A iso agregaron que nalgúns centros está a presionarse "para saber quen vai á folga".

Así mesmo, recalcaron que as empresas non lles comunicaron os seus persoais, polo que, ao non saber o número de traballadores, os sindicatos non poden concretar os servizos mínimos. É por iso que, aínda que dixeron que respectarán os servizos mínimos -é dicir, atender o urxente, non o programado-, avanzaron que non descartan denuncialos ante a Inspección de Traballo.

Neste contexto, trasladaron aos usuarios que se os días de folga acoden aos centros sanitarios e non son atendidos, entendan que "a responsabilidade única é das empresas, que programan como un día laboral calquera cando tería que ser como un festivo".

En total, hai uns 4.000 traballadores chamados á folga, incluíndo clínicas, clínicas dentais, laboratorios e outro tipo de empresas sanitarias privadas sen convenio propio e afectadas polo convenio provincial.

Comentarios