A Garda Civil denuncia a un furtivo de Salceda que pescaba cun fusil

O home escusouse dicindo que llo pediu "o seu fillo"
Furtivo en el río Tea. GUARDIA CIVIL
photo_camera Furtivo no río Tea. GARDA CIVIL

A Garda Civil denunciou a un veciño de Salceda de Caselas por pescar sen licenza no río Tea, ao seu paso polo municipio de Salvaterra do Miño. Os axentes localizaron ao furtivo tras recibir unhas imaxes nas que aparecía un home pescando cun fusil de pesca submarina. 

O Seprona recibiu de forma anónima as imaxes, nas que o home levaba na varilla do fusil un reo de grandes dimensións. 

Os axentes do Seprona identificaron ao pescador, que recoñeceu ser o que aparecía nas imaxes. O furtivo asegurou que capturou o peixe "porque llo pedira o seu fillo", e alegou que logo de pescar o peixe, "tirouno nun colector" debido ao seu escaso valor culinario. 

A Garda Civil concluíu a investigación pondo unha denuncia por infrinxir a normativa de pesca, e facelo ademais cun elemento prohibido como o fusil e sen licenza.

Comentarios