Guerra de acusacións entre o PP de Vigo e a Deputación polas axudas por incendios

Muñoz asegura que o ente provincial ten "diñeiro dabondo" para axudar aos concellos afectados e Silva defende que o organismo "non ten competencias nin responsabilidades" en política forestal

Elena Muñoz y Carmela Silva. DP
photo_camera Elena Muñoz e Carmela Silva. DP

A deputada provincial do Partido Popular Elena Muñoz anunciou este martes que o seu grupo pedirá no próximo pleno provincial que a Deputación de Pontevedra cumpra cos concellos e veciños afectados polos incendios de 2017 e aprobe as axudas que prometeron no seu día.

"O balance da Deputación nestes 10 meses é devastador, porque non fixo absolutamente nada e está a negar a axuda a estes Concellos", insistiu Muñoz.

Os populares recordaron que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciou no seu día axudas por importe de 90 millóns de euros e a día de hoxe "non aparecen ningún tipo de axudas".

O PP asegurou que a Deputación non ten escusas xa que "teñen 193 millóns de euros na caixa. Teñen diñeiro dabondo o seu queren axudar aos concellos e ás persoas afectadas polos incendios".

Os populares reclamaron que a Deputación afronte, como mínimo, o 50% dos danos ocasionados en bens de titularidade municipal na provincia como están a facer outras institucións provinciais.

"Non nos valen máis anuncios publicitarios nin que nos falen de diñeiro que nunca aparece, o que queremos son realidades", finalizou Muñoz.

"ESCÁNDALO". Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, criticou que o PP esixa ao organismo provincial as axudas cando "non ten competencias nin responsabilidades" en política forestal; e a propósito de que "un ano despois, a Xunta aínda non xestionou as axudas ás que está obrigada en relación aos lumes". 

"O PP non me deixa de sorprender, en lugar de esixirlle á administración autonómica, dedícase a pedir ás administracións que non teñen competencias nin responsabilidades. É un escándalo", censurou. 

A maiores, en referencia ás axudas de 90 millóns que ela e o vicepresidente da Deputación anunciaron, comentou que "estiveron a disposición dos concellos que quixeron solicitalo, e os que non quixeron non o solicitaron". 

Neste ámbito, pediu ao PP de Pontevedra, liderado polo vicepresidente da Xunta, "que axilice as axudas, que as cubra ao 100% e non lle tome o pelo aos concellos e á xente, porque hai concellos que pediron 70.000 euros de danos e a Xunta deulles 4.000". 

Comentarios