Inhabilitan 6 meses para exercer a avogacía á alcaldesa do Porriño

A Audiencia de Pontevedra cre que cometeu unha "neglixencia grave" por deslealdade profesional cuns clientes aos que representou contra unha promotora
La alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, en su despacho. FB
photo_camera A alcaldesa do Porriño, Eva García da Torre, no seu despacho. FB

A Audiencia Provincial de Pontevedra ditou unha sentenza na que, tras estimar parcialmente un recurso da Fiscalía, inhabilita por 6 meses á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, para o exercicio da avogacía, e a condena a pagar unha multa de 1.080 euros por un delito de deslealdade profesional.

A rexedora socialista do Porriño foi xulgada por supostas irregularidades durante o exercicio da súa actividade como avogada. Os feitos remóntanse a 2014, cando defendeu a un grupo de prexudicados de Tui contra unha promotora. Ese preito concluíu con sentenzas en varias instancias favorables a eses veciños pero, no momento de executar a sentenza, García da Torre non tramitou a execución e esta demorouse case dous anos.

Por estes feitos celebrouse un primeiro xuízo, no que resultou absolta, pero a sentenza foi anulada e repetiuse a vista, para incluír tamén un pronunciamiento sobre a acusación de deslealdade profesional. Nesa segunda ocasión, Eva García de la Torre tamén foi absolta.

Contra esa última sentenza, tanto a alcaldesa como o ministerio fiscal presentaron recurso. A primeira para solicitar que se eliminase un parágrafo da sentenza, e a acusación pública para incidir en que cometera falsidade documental e deslealdade profesional.

SENTENCIA

A Audiencia de Pontevedra estimou o recurso da rexedora e ordenou a eliminación do texto solicitada pola súa banda. Con respecto ao recurso da Fiscalía, estimouno parcialmente e, aínda que mantivo a absolución en canto á falsidade documental, si considera que a actuación de García de la Torre reúne os criterios para ser cualificada como un delito de deslealdade profesional.

Así, o tribunal provincial sinala que houbo un "atraso intolerable" na presentación da demanda para executar a sentenza por parte da acusada, o que xerou "preocupación" aos seus representados, que se viron obrigados a cambiar de letrada. Así mesmo, ese atraso ocasionoulles unha serie de prexuízos, como que desapareceron unha serie de bens da promotora contra a que pleitearon.

Segundo apunta o tribunal na súa resolución, "a acusada actuou cunha grave falta de atención aos intereses encomendados, ao coñecer perfectamente que non se interpuxo demanda e que, xa que logo, o procedemento non se achaba en trámite, ignorando os requirimentos dos clientes, o que, dadas as circunstancias acreditadas no relato fáctico, non se debeu a un mero descoido, senón a unha neglixencia grave", argumentou a Audiencia.

Comentarios