O inicio da campaña de extracción da mexilla aprázase ao 9 de xaneiro en Pontevedra

A semente de mexillón existente agora mesmo no medio "é de pequeno tamaño" polo que a súa extracción "pode ser prexudicial" para o estado biolóxico da especie
Bateas en O Grove. ADP
photo_camera Bateas en O Grove. ADP

A Consellería do Mar informou este mércores de que se atrasa o inicio da campaña de extracción de semente de mexillón en bancos naturais das provincias da Coruña e Pontevedra ata o 9 de xaneiro. Segundo informou a Xunta nun comunicado, a decisión adoptouse "atendendo ás consideracións" sobre a situación dos recursos trasladadas polos distintos profesionais do sector e a un informe emitido polos técnicos do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar. 

Desta forma, "ambas as partes coinciden" en que a fazula existente agora mesmo no medio "é de pequeno tamaño" polo que a súa extracción "pode ser prexudicial" para o estado biolóxico da especie, e ao mesmo tempo, pode "implicar dificultades" no seu proceso de fixación. Ante isto, e previa consulta ás principais asociacións de produtores de mexillón de Galicia, decidiron atrasar a campaña de recollida para favorecer unha explotación sostible do recurso. 

Así, as resolucións emitidas polas xefaturas territoriais da Coruña e Vigo estableceron que as campañas extractivas de semente de mexillón en bancos naturais comezará o próximo 9 de xaneiro e prolóngase ata o 15 de xuño, o que amplía os prazos de recollida nun período equivalente ao atraso no seu inicio. 

En liña con este adiamento no inicio da extracción, o Servizo de Gardacostas de Galicia e a unidade da Policía Nacional Adscrita reforzarán a vixilancia e os controis no litoral da comunidade co obxectivo de cumprir a normativa e evitar a extracción irregular da fazula.  Finalmente, a Consellería sinalou que "están a acometer" as modificacións pertinentes para "poder abrir novas zonas" á extracción da fazula a través da correspondente resolución. 

Comentarios