martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Investigado un veciño de Mondariz por matar un can dun perdigonazo

Un membro do Seprona atende a un can ferido. ARQUIVO
Un membro do Seprona atende a un can ferido. ARQUIVO

O dono do animal asegura que viu ao agresor dándolle unha patada ao animal e botándoo da súa casa mentres se desangraba

A Garda Civil investiga a un veciño de Mondariz como suposto autor dun delito de malos tratos animais tras dispararlle supostamente a un can cunha carabina de aire comprimido e causarlle a morte.

O propietario do can relatou, segundo consta na súa denuncia, que viu como esta persoa lle daba unha patada ao animal para botalo fóra da súa casa. O can quedou tirado na rúa sangrando abundantemente. Foi levado a unha clínica veterinaria, onde faleceu a consecuencia da forte hemorraxia.

O persoal facultativo da clínica constatou que o can tiña unha ferida penetrante no abdome como consecuencia dun disparo efectuado supostamente cunha carabina de aire comprimido. Na radiografía que lle efectuaron atopóuselle aloxado dentro do seu corpo un perdigón.

Como consecuencia, a Patrulla do Seprona da Garda Civil de Ponteareas, que se fixo cargo da investigación, notificoulle a esta persoa a súa condición de investigado como suposto autor dun delito de malos tratos animais, ao mesmo tempo que se lle retirou preventivamente a carabina de aire comprimido coa que supostamente lle disparou ao animal.

As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución nº 3 de Ponteareas, onde está previsto que se celebre xuízo rápido o próximo día 22 deste mes.

O Código Penal castiga este tipo de delito coa pena de tres meses e un día a un ano de prisión e inhabilitación especial dun ano e un día a tres anos para o exercicio de profesión, oficio ou comercio que teña relación cos animais e para a tenencia de animais.

Investigado un veciño de Mondariz por matar un can dun perdigonazo