Isius, Yo Diablo e Gain Over pechan o cartel do festival Vive Nigrán

A terceira edición celebrarase os días 19 e 20 do próximo mes

O grupo Yo Diablo, durante unha actuación. EP
photo_camera O grupo Yo Diablo, durante unha actuación. EP

A terceira edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os días 19 e 20 do próximo mes, presenta as últimas bandas que formarán parte do seu cartel. Trátase de Isius, Yo Diablo, Uke & the Leeles, L"Emperador, Gain Over e os DJs Paul Church, Isaac Pedrouzo, Paula do Campo e Picnic Pop. O festival, ademais, continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición dende xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de food trucks, obradoiros, presentacións de proxectos culturais ou actividades marítimas.

A programación musical por días quedará do seguinte xeito: o venres 19 de xullo invadirán o Escenario Mahou e o Escenario Rías Baixas o glitter pop de Hickeys; o R&B contemporáneo da novísima Adriana Proenza; a música latina e o rock de raíces de Los Vinagres; Stanich, unha das referencias da renovación musical máis vigorosas; o caos creativo e punk de Los Nastys; o desmelene frenético e pop adulterado de Meneo e as sesións DJ de Isaac Pedrouzo, PaulChurch e Paula do Campo.

O sábado 21 de xullo dende a mañá, os asistentes poderán gozar de xeito gratuíto da música de Uke &The Leeles; do Concerto Mahou Cinco Estrellas no que Delafé -en formato Mediodía Cañero- amosará o seu novo son máis electrónico; dos acordesenérxicos e o pop cristalino dos valencianos L"Emperador e de tres concertos a cargo de Gain Over, a escola de rock do Val Miñor.

NOVEDADES CARMINHA. A partir de media tarde, o acceso ao recinto tornarase de pago para acoller o folk, pop acústico e rock de Isius; o ritmo mantra "tucu-chaca" e o "fingerpicking" salvaxe de Yo Diablo; o pop electrónico do dúo barcelonés Hidrogenesse; as revolucionarias Las Chillers; os galegos Novedades Carminha e o dúo Monterrosa, disposto convertir a pista de baile en paraíso e trincheira. O día completarano as sesións DJ de Isaac Pedrouzo e Picnic Pop.

As entradas e abonos para asistir ao evento pódense adquirir xa na web www.vivenigran.com a un prezo de 30 euros o abono e 18 euros a entrada de día.

Comentarios