Jorge Cubela: "A Deputación está desaparecida na xestión da pandemia"

O popular encara 2021 e tamén fai balance do ano recén rematado na Deputación, un
exercicio que estivo marcado pola pandemia e no que, segundo afirma, faltou a implicación do Goberno provincial cos concellos e cos sectores máis prexudicados pola covid-19
Javier Cubela. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Jorge Cubela. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O ano que acaba de rematar foi especialmente difícil por culpa da covid-19. Que balance fai de 2020 na Deputación?

Eu dividiríao en dous momentos. O primeiro é desde que coñecemos a situación da pandemia ata o mes de xuño, cando si houbo puntos de encontro e de consenso entre o Goberno provincial e a oposición. Fixemos achegas importantes, como que se incrementasen as porcentaxes adicadas ao emprego no Plan Concellos, propuxemos que se creara un comité técnico para asesorar aos municipios na aplicación de mormativas pola covid e posibilitamos puntos de encontro nunca antes vistos co actual Goberno provincial. O segundo momento é a partir do mes de xuño, desde que se levanta o estado de alarma. Dende entón hai unha absoluta desaparición pública por parte do Goberno provincial na xestión da pandemia, no apoio aos concellos na loita fronte ao coronavirus e en novas medidas para tratar de atallar esta problemática axudando a colectivos, aos sectores económicos que máis o necesitan e aos concellos. Non esquezamos que a Deputacións, por lei, está para tratar de que se presten a integridade dos servizos de competencia municipal na totalidade da provincia.

Esta semana o PP provincial celebrou unha reunión con Hoempo na que reiterou a reclamación de axudas directas da Deputación a autónomos, pemes e hostaleiros para mitigar os efectos da pandenmia; e, pola súa banda, o Goberno provincial tamén se reuniu con hostaleiros e comerciantes reclamando esas axudas á Xunta. Parece que uns reclámanlle a outros pero os afectados seguen agardando…

O certo é que Hoempo aínda non foi recibido polo Goberno da Deputación; foi unha das queixas que nos formularon. Nós reunímonos con todos os colectivos que nos piden reunións. Son xa sete ou oito as que mantivemos con distintos grupos económicos dende o inicio da pandemia e o que estamos facendo son unhas reclamacións xustas que a Deputación, se quere, pode cumprir: dar unha liña de axudas directas aos hostaleiros, ás pemes, ao pequeno comercio e aos autónomos, como xa fan máis de 14 deputacións en España e, en Galicia, copiando un modelo como é o da Deputación da Coruña, gobernada polos mesmos partidos que a de Pontevedra. Alí publicaron unha liña de axudas de 10 millóns de euros para axudar a estes colectivos e en Pontevedra, se non se fai, é porque non se quere. Estes colectivos son os máis afectados pola crise, moitos están pechando e outros tiveron que acollerse a ERTE e deben ter o apoio de todas as administracións. A día de hoxe a única que publicou unha convocatoria de axudas e que xa pagou máis do 80% foi a Xunta. Unha Deputación que estivo a punto de entregarlle os aforros, os famosos remanentes de tesourería, ao Goberno de Pedro Sánchez e que non quere dar axudas aos autónomos, ese Goberno do PSOE e do BNG que preside Carmela Silva, está totalmente alonxado da realidade. Están máis preocupados dos intereses dos seus partidos que dos da cidadanía.

De onde propón o PP que a Deputación saque eses dez millóns?

Nós achegamos propostas a través dunha emenda á totalidade dos Orzamentos provinciais para 2021 con tres liñas clarísimas. Pedimos aumentar o Plan Concellos, que se acaba de conxelar pese a que é o único plan de obras e servizos que esta Deputación contempla para dar financiación aos municipios de menos de 50.000 habitantes. Solicitamos unha liña de dez millóns de euros para autónomos, pemes e hostalería; e tamén unha liña de tres millóns de euros para aumentar o gasto social destinados aos concellos na loita contra o coronavirus. E de onde plantexamos sacar eses fondos? O Orzamento de 2021 medra con respecto ao de 2020 en 3,5 millóns de euros de ingresos. Tamén neste Orzamento vaise poder destinar xa parte dos tres millóns de euros da débeda bancaria que amortizaron durante o exercicio de 2020; e a iso sumamos a petición de que se reduza o gasto corrente. Tamén hai que contar con que no sector público local temos uns remanentes líquidos de tesourería, os aforros acumulados que as administracións locais vimos gardando no peto. E todo iso dáse nunha Administración que aproba un Orzamento de 164 millóns de euros, que aproba liquidacións dos exercicios anteriores con remanentes que chegan aos 25 millóns, así que eu creo que hai que deixarse de propaganda e de photocall e hai que falar menos e facer máis.

O Pleno de aprobación dos Orzamentos rematou cos deputados do PP saíndo da sala antes da votación. Vai seguir sendo tan tensa a relación entre Goberno provincial e oposición tamén este ano?

Unha das máximas que reivindico é: diálogo, consenso e man tendida. Demostrámolo, pero non podemos abandonar as nosas función políticas. A nosa responsabilide está por riba dos nosos intereses. A función da oposición é controlar e fiscalizar a acción do Goberno, porque ademais as deputacións deben ser administracións dos concellos e dos alcaldes. Historicamente esta tamén era a dos colectivos e axentes sociais e económicos, pero agora están reducíndoa case a ser a sede da embaixada dun país estranxeiro, porque todas esas entidades que antes entraban á Deputación deixaron de facelo con este Goberno.

O Goberno provincial afirma que os alcaldes, mesmo os do PP, están moi satisfeitos co Plan Concellos e co trato recibido agora por esta Deputación.

Eu animaríao a falar máis cos alcaldes e alcaldesas. O grupo do PP está representado en todas as comarcas e partidos xudiciais da provincia. Temos moi pulsada a rúa. O noso grupo inclúe tres alcaldes, un exalcalde e unha exalcaldesa. O problema é que nos grupos do BNG e do PSOE non apostan polo municipalismo nin polos alcaldes, pois non teñen ningún no Goberno provincial e tampouco se reúnen con eles. Nós non cuestionamos o Plan Concellos, senón que pedimos máis cartos para os concellos, porque antes había unhas liñas de axuda que agora non existen. Queremos debatir e consensuar a cantidade e dixemos que estabamos dispostos a votar a favor do Plan se se negociaba aumentalo, porque só 300.000 euros máis nun Orzamento de 164 millóns é unha conxelación.

Non só como voceiro do PP na Deputación, senón tamén como alcalde de Cerdedo-Cotobade, que lle parece o acordo ao que chegaron a Xunta de Galicia e o Goberno provincial para situar novas bases de GES na Lama, A Cañiza e entre Redondela e Mos para así reducir os tempos de resposta en caso de urxencias que se produzan en municipios que actualmente teñen un nivel de cobertura moi mellorable, especialmente no interior da provincia?

O pasado día 6 amenciamos no meu concello co incendio dunha vivenda no que o tempo de resposta foi superior a unha hora. Eu creo que todo o que sexa mellorar é positivo. Son un dos alcaldes que viña demandando que había que cubrir as nosas zonas de sombra e, ademais, fancendo unha grande defensa da comarcalización dos parques de bombeiros das ciudades. Non pode ser que cun parque de bombeiros en Pontevedra que podía atender incendios estando a 10 ou 15 minutos, non se execute ese servizo. Polo tanto, vemos con satisfacción que se poida chegar a un Pleno da Deputación durante este ano no que todos esteamos de acordo. É algo ao que instamos os alcaldes do Partido Popular nos nosos concellos e satisfácemos que por fin o Goberno provincial se aveña a tratar de apoiar unha parte da solución ao problema.

Comentarios